Duro revés para Giorgia Meloni: imponse o 'non' no referendo sobre a súa polémica reforma xudicial
A cidadanía italiana estaba chamada a votar esta segunda feira nun referendo sobre a reforma do sistema xudicial promovida polo Goberno da ultradereitista Giorgia Meloni no que se auguraba, como noutros casos precedentes, un escaso seguimento. Porén, a crecente tensión política no país elevou a participación —arredor de 58% do censo—, especialmente entre os detractores tanto da proposta de Meloni como da propia primeira ministra, e o 'non' acabou por imporse con perto de 54% das papeletas con algo máis de 80% do voto escrutado.
Unha das medidas que propuña Meloni era separar a carreira xudicial de maxistrados e fiscais —algo que xa acontece hoxe, por exemplo, no Estado español—, buscando tamén dividir en dous organismos o actual Consiglio Superiore della Magistratura —equivalente ao Consello Xeral do Poder Xudicial español—, un para regular a actividade dos fiscais e outro para xuíces e xuízas.
Mais un dos puntos que maior rexeitamento suscitou foi, baixo o pretexto de desvincular a xudicatura da influencia política, que os membros deste Consiglio fosen elixidos por sorteo e non polos propios maxistrados e maxistradas. Aliás, neste mesmo eido, Meloni apostaba na creación dunha Alta Corte Disciplinaria para xulgar o labor das e dos xuíces.
Giorgia Meloni e o seu gabinete confiaban en recibir un apoio maioritario da poboación italiana nunha consulta na que se prognosticaba unha participación baixa. Porén, a oposición concibiuna como un plebiscito sobre o Goberno ultradereitista e afanouse en mobilizar o electorado crítico con Meloni, especialmente nun contexto marcado pola guerra dos Estados Unidos e Israel contra Irán, as súas consecuencias sobre a economía mundial —e, claro está, tamén a italiana— e os estreitos vínculos entre a primeira ministra do país e o presidente estadounidense, Donald Trump.
Preocupada por unha posíbel derrota que parecía comezar a albiscar, Meloni elevou o ton nos últimos días de campaña chegando a afirmar nun mitin: "Se gaña o 'non', inmigrantes ilegais, violadores, pederastas e narcotraficantes serán postos en liberdade". Un discurso que non acabou de convencer á poboación italiana. Meloni contaba con sacar adiante este referendo, paso indispensábel para ratificar a reforma xudicial após aprobala sen maioría reforzada no Parlamento, só botando man da súa absoluta. E xa advertira de que, en caso negativo, non dimitiría.
"O Goberno fixo o que prometera, levar adiante unha reforma xudicial que viña recollida no noso programa electoral. Apoiámola até o final e despois fixemos esta consulta á cidadanía; a cidadanía decidiu e nós, coma sempre, respectamos a súa decisión", dixo Meloni nun vídeo publicado nas súas redes sociais. Para a dirixente, "perdeuse unha oportunidade de modernizar Italia".
Porén, desde a oposición aproveitan este duro revés para cargar contra o actual Executivo, conformado por Fratelli d'Italia —o partido de Giorgia Meloni—, a Lega de Matteo Salvini e mais Forza Italia —con Antonio Tajani á fronte desta formación fundada por Silvio Berlusconi—. Para o ex primeiro ministro Matteo Renzi —ex dirixente do Partito Democratico (PD), agora líder de Italia Viva—, quen dimitiu en 2016 precisamente após perder un referendo constitucional semellante en forma ao de Meloni, "cando o pobo fala, o Goberno debe escoitar". "Nós fixémolo hai dez anos, terá Giorgia Meloni a mesma coraxe? Veremos que fai despois dunha derrota clamorosa", sinalou en redes sociais.
Pola súa parte, o ex primeiro ministro e líder da segunda forza da oposición no Parlamento, Movimento 5 Stelle (M5S), Giuseppe Conte, tendeu a man á secretaria xeral do principal partido contrario a Meloni, o PD, Elly Schlein, para comezar a artellar unha candidatura conxunta no centro-esquerda co foco posto nunhas eleccións no curto prazo. "Estamos abertos a unhas primarias", dixo.

