Unha ducia de mortos tras un novo bombardeo israelí en Gaza

No ataque faleceron tres altos cargos da Yihad Islámica, segundo apuntou o Exército israelí, que soterrou o alto o fogo iniciado a pasada semana.
Persoas reunidas nas proximidades dun dos edificios atacados por Israel en Gaza. (Foto: Str / Apa Images Via Zuma Press)
photo_camera Persoas reunidas nas proximidades dun dos edificios atacados por Israel en Gaza. (Foto: Str / Apa Images Via Zuma Press)

Un novo ataque do Exército de Israel na madrugada desta terza feira deixou no mínimo 13 persoas falecidas en Gaza, segundo vén de trasladar o Ministerio de Saúde de Palestina, que informa tamén de máis dunha vintena de feridos. Entre as vítimas hai crianzas, aseguran, se ben desde o Goberno israelí xustificaron os bombardeos alegando que estaban destinados a "obxectivos da Yihad Islámica" neste territorio.

"Foron eliminados nunha operación conxunta do Exército e o Servizo Xeral de Seguridade, o comandante da Yihad Islámica Palestina (YIP) no norte de Gaza, Jalil Bahitini; un líder da YIP responsábel de dirixir as actividades en Cisxordania desde Gaza, Tarek Ezz al Din, e o secretario do consello militar da YIP, Jahad A'Nam", sinalaron as Forzas Armadas de Israel. As restantes serían todas vítimas civís.

Arredor de 40 avións e drons israelíes bombardearon contra as 2.30 horas desta madrugada [1.30h na Galiza] diferentes infraestruturas nas cidades de Gaza, Rafah e Khan Younis, incluído un edificio residencial no barrio de Al Rimal (Gaza).

O operativo militar, bautizado como 'Escudo e Frecha', chega após asinaren as autoridades de Israel e Palestina unha tregua en vigor desde a pasada cuarta feira— acordada coa mediación da ONU e os gobernos de Qatar e Exipto, logo dun tenso intercambio de máis dun cento de foguetes após a morte en prisión durante unha folga de fame de Jader Adnan, alto cargo da Yihad.

Desde a Oficina de Información do Goberno en Gaza, o seu xefe, Salama Maarouf, condenou esta "brutal e repentina agresión" que "demostra a sanguenta mentalidade criminal da ocupación", ao tempo que fixo un chamamento á cidadanía a obviar os "rumores" que circulan polas redes sociais e a prestar atención ás informacións oficiais en relación cos ataques.

Tamén o líder de Hamás, Ismail Haniyeh, alertou de que estes novos bombardeos e o asasinato dos líderes da Yihad nunha "operación a traición" non outorgará unha maior "seguridade ao ocupante [Israel]", senón "máis resistencia" desde Palestina.

As autoridades israelíes, no entanto, gabáronse de executar un "asasinato selectivo" no corazón dunha poboación civil e, en concreto, nun edificio "de varios pisos situado nunha zona densa". Esa operación feita "con pinzas", porén, non evitou as mortes civís. No momento do ataque, o ultradereitista ministro de Seguridade Nacional de Israel, Itamar Ben Gvir, celebrábao nas redes sociais: "É a hora!".

Comentarios