Dous días de loito en Portugal logo do óbito do ex primeiro ministro Balsemão

Comeza o xuízo contra o policía que disparou Odair Moniz.
O ex primeiro ministro Francisco Pinto Balsemão en 2012. (Foto: Cruks)
O ex primeiro ministro Francisco Pinto Balsemão en 2012. (Foto: Cruks)

Na madrugada da cuarta feira medios lusos confirmaron o falecemento de Francisco Pinto Balsemão, ex primeiro ministro polo conservador Partido Social Democrata (PSD) e fundador do semanario Expresso durante a ditadura de extrema dereita.

O líder do Executivo portugués entre 1981 e 1983 tamén foi deputado no lexislativo fascista como parte da Ala Liberal, tras o que foi un dos fundadores unha vez triunfou a Revolución dos Cravos do Partido Popular Democrático, o primeiro nome do PSD.

O presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, decretou dous días de loito nacional polo deceso de Balsemão, que faleceu de causas naturais acompañado pola súa familia, que anunciou que mañá se producirá unha misa fúnebre antes do funeral, de carácter reservado.

Rebelo, que estivo vinculado a Expresso desde a súa fundación en 1973, tamén foi líder do PSD, no que militou até 2015, cando lanzou a súa candidatura á Presidencia. 

O semanario foi o primeiro medio do grupo Impresa, ao que tamén pertence a canle de televisión SIC, que se converteu en 1992 na primeira de carácter privado en emitir no país.

Morte de Odair Moniz

Hai un ano, multiplicáronse as protestas pola violencia policial na área metropolitana de Lisboa a raíz do asasinato do caboverdiano Odair Moniz por disparos dun policía, Bruno Pinto, que comezou a ser xulgado a cuarta feira.

Durante o seu testemuño Pinto asegurou primeiro que disparou posto que Moniz sacou un coitelo, para logo recoñecer que non podía confirmar ao “100%” se era un coitelo, e finalmente afirmou que “agora teño a certeza de que era un coitelo”.

Comentarios