Dous activistas inician unha folga de fame en Vic na defensa do catalán como lingua vehicular no ensino
Dous activistas iniciaron na pasada cuarta feira unha folga de fame na localidade catalá de Vic a fin de defender o uso da lingua propia de Catalunya como vehicular no sistema educativo.
"Cómpre tomar medidas. A sentenza foi a pinga que derramou o vaso", dixo un deles, Jaume Sastre, en declaracións recollidas por Nació Digital. Sastre facía alusión nas súas palabras á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) declarou firme o pasado xaneiro e que obriga o Goberno de Pere Aragonès a impor 25% de castelán nas aulas, unha medida que promulgara o Tribunal Supremo.
Esta sentenza, precisou Sastre, "repercute aquí [en Catalunya] e tamén no País Valencià e en Balears". "Non podemos permitir que os xuíces españois determinen con que lingua debemos falar", engadiu Carles Furriols, outro dos activistas, subliñando que "o catalán é a columna vertebral da patria e é vital".
Sastre ironizou tamén sobre este fallo xudicial: "Como se atreven a impor 25% de castelán se eles só fan 7% de sentenzas en catalán en Catalunya?".
Ambos os activistas aloxábanse desde a pasada cuarta feira no local do Consell per la República de Vic, onde reciben visitas de moitas persoas que se suman a esta causa como o ex president da Generalitat, Quim Torra, que trasladou o seu apoio e pediu a "protección do catalán e a inmersión lingüística fronte aos ataques constantes do Estado español".
Carles Furriols abandonou a folga de fame na pasada sexta feira, segundo el mesmo indicou, por cuestións de saúde. Mais o seu compañeiro Jaume prosegue e nesta segunda feira suma xa seis xornadas consecutivas.
A respecto da posición das forzas políticas catalás en relación a esta sentenza xudicial, Sastre apuntou esta segunda feira no seu perfil de Twitter: "O que os partidos políticos —ERC, Junts, PSOE e Podemos— pretendían facer con nocturnidade e aleivosía, alén de ser un acto escandaloso de entrega aos fiscais e xuíces de Felipe VI, é unha barrabasada que non se pode aturar en ningures; nin sequera desde o punto de vista xurídico".