Dous meses de prazo para impor o 25% de castelán nas escolas catalás

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya converte en firme a sentenza que obriga a Generalitat a impor que unha cuarta parte do ensino se desenvolva en castelán.
Pere Aragonès sae do cárcere de Was Rad (Barcelona) despois de visitar Carme Forcadell. (Foto: Ana Belén Morant / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès sae do cárcere de Was Rad (Barcelona) despois de visitar Carme Forcadell. (Foto: Ana Belén Morant / Europa Press)

A Xustiza catalá declarou firme esta sexta feira a sentenza que obriga o Goberno que preside Pere Aragonès a impor o 25% de castelán nas escolas de Catalunya, e brinda un prazo de dous meses para executar a decisión.

Esta resolución chega após non admitir o Tribunal Supremo a quinta feira o recurso de casación da Consellaría de Educación da Generalitat en contra da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) do 16 de decembro de 2020.

O auto do TSXC abre un prazo de 10 días para que o gabinete de Aragonès notifique a recepción da sentenza e indique o órgano que a ten que aplicar.

Unha vez se superen os dous meses marcados, “calquera das partes e persoas afectadas poderá instar a súa execución forzosa”, apunta o veredicto. En teoría, ao ser unha denuncia efectuada polo Goberno estatal, é este quen ten que reclamar esta execución. Con todo, aínda non sinalaron publicamente se pensan autorizar este extremo.

Porén, o Goberno catalán aínda pode interpor un recurso de reposición en contra da decisión do tribunal.

Dous meses de marxe

Josep Gonzàlez-Cambray, titular de Educación en Catalunya, limitouse a indicar aos medios de comunicación tras facerse pública a sentenza que contan con dous meses para responder ao TSXC.

O intento de limitar a inmersión lingüística en Catalunya, avalada pola Unión Europea, está a desatar un amplo movemento de rexeite no seo das escolas catalás.

Comentarios