A ditadura birmana anuncia que desenvolverá eleccións en decembro

Min Aung Hlaing, líder da Xunta Militar de Myanmar, en 2019. (Foto: U Aung / Europa Press / Contacto)
Fin do estado de emerxencia após catro anos.

A Xunta Militar de Myanmar fixo público a quinta feira a fin do estado de emerxencia, que estaba en vigor desde o golpe de Estado do Exército en 2021, que desatou unha guerra civil na que as forzas soberanistas e a Forza de Defensa do Pobo, vencellada ao Goberno de Unidade Nacional no exilio, lograron facerse co control de arredor da metade do territorio birmano.

Asemade, anunciou que organizarán unhas eleccións en decembro sen precisar data, unha posibilidade que a ditadura leva anos tenteando co fin de tratar de lexitimar a súa toma do poder.

Neste sentido, tamén se comunicou a disolución da Xunta Militar para crear un organismo similar, mais que contará tamén con civís, orientado a desenvolver a convocatoria electoral. En todo caso estará liderado pola mesma persoa, o xeneral Min Aung Hlaing, que encabeza as Forzas Armadas.

O pasado ano, os militares levaron a cabo un censo coa vista posta nunhas eventuais eleccións, mais só puido efectualo en 145 dos 330 concellos do país.

Sexa como for, o Executivo no exilio xa avanzara con anterioridade que un proceso electoral nesta situación constituiría unha “farsa”.

Malia que o Exército abriu a porta a negociar cos grupos armados con mediación chinesa a medida que perdía o control de múltiples áreas do país, boa parte destas forzas o rexeitaron pola negativa dos militares a comprometerse a acabar coa súa interferencia no ámbito político.

Amnistía Internacional cifrou a comezos deste ano as persoas asasinadas polos militares desde o golpe de Estado en máis de 6.000, así como en máis de 20.000 as detencións arbitrarias. En paralelo, o conflito obrigou a fuxir dos seus fogares máis de 3,5 millóns de persoas.