Dez anos despois do fugaz fulgor da democracia exipcia

O 11 de xaneiro de 2011, hai hoxe dez anos, o ditador exipcio Hosni Mubarak víase forzado a abandonar o poder despois de 18 días de masivas e letais manifestacións, dentro da corrente democrática que atravesou a rexión naquelas datas. Porén, a Primavera Árabe axiña foi seguida por unha longa noite de inverno en Exipto.
EuropaPress_2673413_26_february_2020_egypt_cairo_supporter_of_former_egyptian_president_hosni
photo_camera Funeral de Mubarak, o 26 de febreiro do ano pasado no Cairo (Foto: Momen Samir / dpa)

Despois de 18 días de protestas e máis de 800 mortos, o ditador exipcio Hosni Mubarak víase forzado a abandonar o poder o 11 de febreiro de 2011, hai hoxe dez anos. As mobilizacións iniciáranse o 25 de xaneiro, festivo nacional para conmemorar o Día da Policía. A data elixiuse precisamente para denunciar a corrupción, a violencia e en xeral os abusos das forzas de seguridade. 

Mobilizacións masivas, especialmente de xente nova con arelas de cambios tras 30 anos de Mubarak (1981-2011), enmarcadas nun proceso de revoltas en varios países da rexión, coñecido internacionalmente como "Primavera Árabe". Poucas semanas antes, o pobo de Tunisia derrubaba a primeira peza do dominó derrocando a Zine El Abidine Ben Ali, que fuxiu tras 23 anos no poder.

As protestas contra Ben Ali iniciáranse en decembro, cando o mozo Mohamed Buazizi se inmolou logo de a policía incautar o seu posto de comida ambulante. A gota que reborda o vaso dunha sociedade farta da crise económica e da corrupción. Esa isca prendeu rapidamente e en Exipto, un dos principais Estados do mundo árabe, levou ducias de miles de persoas ás rúas do Cairo, de Suez, de Porto Said ou de Alexandría.

Tres días despois do estalido produciuse a chamada "sexta feira da ira", cando á saída das mesquitas tras a pregaria semanal, mozos ─mais tamén nenos e anciáns─ enfrontáronse a pedradas coa Policía, que levou a cabo unha intensa represión. Un total de 18 persoas faleceron durante aquela xornada. A mobilización foi a máis até sumar millóns por todo Exipto, e a praza cairota de Tahrir (praza da "Liberación", en árabe), ocupada por centos de miles de persoas, converteuse en símbolo da revolución exipcia.

As folgas sectoriais e a ocupación de fábricas nos días seguintes foron o golpe definitivo para Mubarak. As sementes de liberdade, xustiza e dignidade humana frutificaron nunha democracia que, porén, non tardou en murchar. O candidato dos Irmáns Musulmáns, Mohamed Mursi, converteuse no primeiro presidente electo da historia do país nos comicios organizados en 2012. Mais un ano despois, o entón xefe do Exército, Abdul Fata Al Sisi, deu outro golpe de Estado tras unhas mobilizacións contra o Goberno. 

Al Sisi mantense no poder desde entón (xa desde 2018 como presidente electo tras vencer nos comicios con 97,08% dos sufraxios). A partir de 2013 levou a cabo unha campaña de represión contra os grupos que estiveron detrás das protestas contra Mubarak. Ademais, designou como grupo terrorista os Irmáns Musulmáns, organización que tradicionalmente fuxiu do extremismo relixioso, asimilábel a un partido da democracia-cristiá en Europa. 

Torturas nos cárceres

As concentracións en prazas do Cairo en 2013 a favor de Mursi foron reprimidas con tal violencia que se superou, con máis de 900, a cifra de mortes rexistrada durante a revolución de 2011. E a represión continúa a día de hoxe. Segundo un informe de Amnistía Internacional (AI) de hai dúas semanas, os presos políticos e de conciencia nos cárceres exipcios son sometidos a "tortura, condicións crueis e inhumanas de detención" e "négaselles deliberadamente coidados sanitarios, alimentos e visitas familiares para castigar a disidencia".

AI é unha das cen ONG humanitarias de todo o mundo que asinan unha carta enviada na terza feira ao Consello de Dereitos Humanos da ONU solicitando a creación dun "mecanismo de control e información" sobre a situación de "aniquilación" en Exipto. 

Tamén o último informe anual de Human Rights Watch (HRW) fala de violación da lei e dos dereitos humanos "baixo a aparencia da loita contra o terrorismo". A organización relata casos de "desaparicións forzadas", "arrestos arbitrarios" e "torturas a disidentes, incluídos nenos" por parte das forzas de seguridade exipcias.

Presión internacional

Desde a UE, o Parlamento aprobou unha resolución pedindo aos Estados membros unha revisión das súas relacións con Exipto ante o "deterioro da situación dos dereitos humanos", unha posición compartida por outras instancias multilaterais como a ONU. 

No que respecta aos Estados Unidos, Donald Trump mantivo unha estreita relación con Al Sisi nestes últimos catro anos, en tanto que Joe Biden, nunha entrada no Twitter o 12 de xullo pasado, cualificouno do "ditador favorito de Trump", mais aínda non se pronunciou desde a Casa Branca

Pola súa banda, nun comunicado recente, o Goberno exipcio negou todas estas acusacións, afirmando que "non hai presos políticos" en Exipto e que "outorga grande importancia á liberdade de opinión e de expresión". 

O impacto da Primavera Árabe foi amortecendo nesta última década. En Tunisia, mantense a chama acesa, mais cada vez brilla con menos fulgor, e medra o sentimento de desencanto político logo da ausencia de Gobernos estábeis que fosen quen de consolidar o proceso democrático. En Exipto, foi seguida axiña por unha longa noite de inverno que aínda perdura; en tanto que noutros países da rexión, como Arabia Saudí, o sol nunca chegou a saír.

Suíza segue a reter os millóns de Mubarak

Dez anos despois da caída de Mubarak, arredor de 400 millóns de francos suízos (uns 370 millóns de euros) continúan a ser retidos en Suíza. Segundo a Fiscalía Xeral do país, citada polos medios locais, están aínda pendentes os xuízos por asociación criminal e lavado de diñeiro a cinco persoas, incluídos os dous fillos do ditador. 

En 2011, tras a Primavera Árabe, o Goberno suízo ordenou conxelar os activos que Mubarak e os seus aliados tiñan depositados en 140 contas bancarias, un total de 700 millóns de dólares. Porén, as autoridades suízas tiveron que dar marcha atrás por petición do Estado exipcio, tras os "acordos de reconciliación", que incluían a retirada de cargos nos casos vinculados ás contas en Suíza, e impedían polo tanto a investigación no país alpino.

Desde entón, as autoridades suízas devolveron, en 2018, 32 millóns de francos suízos (uns 30 millóns de euros).

Comentarios