Tras un ano de organización en secreto, créase o primeiro sindicato en Google

Alén de cuestións laborais, abordará temas como a ética da compañía en asuntos como o desenvolvemento de intelixencia artificial para o Departamento de Defensa dos Estados Unidos.
EuropaPress_2604029_handout_22_january_2020_switzerland_davos_chief_executive_officer_of
photo_camera Sundar Pichai, director executivo de Google, hai un ano en Davos (Foto: Greg Beadle / World Economic Forum)

Máis de 400 enxeñeiros e outros empregados de Google e do resto de compañías propiedade de Alphabet anunciaron nas últimas horas a formación dun sindicato na empresa tecnolóxica con sede en California, unha das máis grandes do mundo, informou a organización sindical Communication Workers of America (CWA), á que estará afiliado.

"A creación do sindicato e extremadamente inusual na industria tecnolóxica", explica The New York Times, nun entorno, o de Silicon Valley, que o rotativo estadounidense cualifica de "incondicionalmente anti sindical". Para Los Angeles Times, "marca a culminación de anos de protestas, peticións e crecente discusión pública entre os enxeñeiros en relación a cuestións raciais, de ética tecnolóxica e outros asuntos". 

O gremio, denominado Alphabet Workers Union (AWU), será o primeiro aberto para a afiliación de todos os empregados de calquera compañía de Alphabet, e a súa formación chega tras un ano de organización en secreto. 

Xa a finais do ano pasado, a Xunta Nacional de Relacións Laborais dos Estados Unidos ─a axencia do Goberno encargada da organización das eleccións sindicais e da investigación das prácticas laborais ilegais no país norteamericano─ presentou unha denuncia contra a multinacional por espiar "en numerosas ocasións" os seus traballadores ou por despedir varios deles en represalia por se querer sindicar.

Chewy Shaw, vicesecretario xeral de AWU, afirmou que "os nosos obxectivos van máis alá de cuestións laborais como 'esta a xente a ser pagada o suficiente?'". Por exemplo, en 2018 produciuse unha concentración por parte de 20.000 empregados para protestar pola maneira en que a compañía xestionara varios casos de acoso sexual. 

Tamén hai unha crecente oposición entre algúns empregados de Google e doutras empresas de Alphabet polo desenvolvemento de intelixencia artificial para o Departamento de Defensa dos Estados Unidos ou da cesión de tecnoloxía á axencia encargada de controlar a inmigración nas fronteiras.

Afiliación minguante

Alphabet conta cuns 260.000 empregados, mais a maioría son temporais e non contan cos mesmos beneficios que o resto de compañeiros. Segundo datos recollidos por axencias internacionais, a afiliación dos traballadores estadounidenses diminuíu desde 35% en 1954 a 20% en 1984 e 10% en 2019. En comparación, no mercado laboral español segundo datos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) era de 13,7% a finais de 2019. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios