O deputado Néstor Rego acusa o PSOE de virar á dereita para aprobar o orzamento

Néstor Rego nunha rolda de prensa no Congreso (Foto: Europa Press)
O nacionalista lamenta que o Executivo de coalición en Madrid esté a achegarse a PP e Ciudadanos para conseguir apoio ás partidas de 2021. Ademais, advirte de que aínda non se cumpriron os acordos de rápida aplicación en favor do pobo galego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, amosou esta cuarta feira a súa preocupación polo cambio que está a amosar o Executivo de coalición entre o PSOE de Pedro Sánchez e Unidas Podemos de Pablo Iglesias.

O nacionalista criticou que os socialistas non cumpriran os acordos de aplicación urxente que se pactaron a cambio do apoio na investidura.

“O Bloque Nacionalista Galego apoiou a investidura en función dun acordo que recolle melloras en diferentes ámbitos que van dende infraestruturas até políticas sociais e que o Partido Socialista asumiu executar ao longo da lexislatura”, destacou Rego nunha comparecencia.

Algúns dos compromisos acadados, non só co partido “senón con todo o pobo galego”, “serían de execución inmediata en 2020”. No entanto, desde o seu punto de vista aínda non houbo avances suficientes nesta liña.  

“Este acordo tivo unha acollida moi positiva polo conxunto da sociedade galega porque nel se recollen medidas e solucións a problemas que, en moitos casos, levan décadas esperando a solucionarse”, declarou o deputado. De cara ao debate da folla orzamentaria para 2021, aproveitará para insistir nos asuntos que incluía o pacto.

O representante foi máis alá ao sinalar que detectou un xiro á dereita por parte do PSOE na procura de apoios no Partido Popular e en Ciudadanos para a aprobación das partidas económicas do ano próximo, deixando a un lado as forzas soberanistas de esquerda que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez.

Ao fío desta revelación dixo: “Resulta sorprendente que Pedro Sánchez chame o Partido Popular a contribuír a aprobar 'uns orzamentos progresistas'. É evidente que se contan co apoio do PP de ningunha maneira serán verdadeiramente progresistas”.

Un activista máis

O galego aproveitou a súa comparecencia para explicar a súa satisfacción pola sentenza que nega que a familia Franco sexa a lexítima propietaria do Pazo de Meirás. Tamén agradeceu a labor de todas as partes neste proceso de loita cidadá.

De feito, Rego é un dos activistas coñecidos como os 19 de Meirás pola acción simbólica de protesta no inmoble hai uns anos.