A decapitación dun activista indíxena eleva a 84 os asasinatos de defensores dos dereitos humanos en Colombia en 2021

Con Luis Picasio Carampaima son xa 84 as e os líderes defensores dos dereitos humanos asasinados en Colombia no que vai de ano. En total, 1.200 desde a firma do acordo de paz.

Moza coa bandeira de Colombia nas mobilizacións contra o Goberno de Iván Duque (Foto: Daniel Romero / LongVisual Via ZUM / DPA)
photo_camera Moza coa bandeira de Colombia nas mobilizacións contra o Goberno de Iván Duque (Foto: Daniel Romero / LongVisual Via ZUM / DPA)

O Instituto de Estudos para o Desenvolvemento e a Paz (Indepaz) informou do asasinato de Luis Picasio Carampaima, membro da comunidade indíxena de Catrú, no municipio de Alto Baudó, en Colombia. Con Picasio son xa 84 as e os líderes sociais e defensores dos dereitos humanos asasinados no que vai de ano en Colombia e 1.200 desde a firma del acordo de paz, segundo Indepaz.

A morte de Picasio aconteceu o pasado 1 de xullo, tras a incursión no territorio indíxena de varios homes do grupo armado Autodefensas Gaitanistas de Colombia, coñecidas como Clan do Golfo, denuncia Indepaz, ao tempo que sinala que a Valedoría do Pobo xa advertira do risco en que se atopaba a comunidade Catrú e outras comunidades indíxenas da zona "polas accións de grupos armados ilegais" e instara o Goberno á súa "protección e atención efectiva e urxente".

Indepaz comunicou tamén esta semana o asasinato de Danilo Torres, líder social afrodescendente da localidade Magüí Payán. A súa morte produciuse pouco despois de que a Misión de Apoio ao Proceso de Paz en Colombia da Organización de Estados Americanos manifestara a súa "profunda preocupación e alerta" pola seguridade dos liderados étnico territoriais nos municipios de Roberto e Maguí Payán, á vez que exixiron ao Estado colombiano "reforzar de maneira urxente as medidas de protección".

A Comisión Interamericana de Dereitos Humanos condenou a morte de Torres e solicitou ao Estado colombiano investigar o seu caso con "debida dilixencia" e sancionar os asasinos.

Tamén exixiu implementar "un enfoque étnico-racial nas medidas que se adopten, e implementar políticas públicas que mitiguen as causas estruturais da violencia no país".

Aliás, este domingo Indepaz tamén informou da que considera como a masacre número 47 deste ano, co asasinato en Balboa, Cauca, de tres mozos, identificados como Yeison Benavides e Camilo Galíndez mais un cuxa idetidade aínda non se coñece. Tanto Yeison Benavides como Camilo Galindez eran participantes activos das mobilizacións polo paro nacional e membros da Coordinadora de Procesos Populares e Comunitarios.

Comentarios