O Cumio dos Pobos exixe a eliminación total e inmediata da dependencia dos combustíbeis fósiles
Miles de persoas protestan en Brasil contra "as falsas solucións" da COP30 e entregarán unha carta este domingo ao seu presidente, o diplomático André Corrêa do Lago.
A trixésima Conferencia sobre o cambio climático (COP30) da Organización de Nacións Unidas (ONU) na cidade brasileira de Belém, o epicentro das conversas entre Estados sobre este tema, está a ser tamén o lugar en que ten lugar o evento alternativo do Cumio dos Pobos.
Este domingo, o comité organizador do Cumio dos Pobos, onde teñen un papel fundamental as sociedades indíxenas, anunciou que entregará unha carta ao presidente do COP30, o diplomático André Corrêa do Lago, unha síntese de reivindicacións, como o recoñecemento do saber ancestral indíxena nas cuestións do clima e a mitigación das emisións de gases que causan o quecemento global.
Entre as súas principais demandas, a mobilización exixe que as negociacións climáticas oficiais teñan en conta o financiamento á adaptación, a transición xusta e a eliminación total e inmediata da dependencia dos combustibles fósiles, especialmente na Amazonía.
Marcha Global
Coa idea de dar visibilidade á súa problemática realizaron este sábado unha multitudinaria Marcha Global pola Xustiza Climática, unha masiva protesta polas rúas da cidade amazónica de Belém, en defensa dunha transición enerxética xusta e contra "as falsas solucións que dominan a axenda oficial da COP30".
Na manifestación participaron unhas 70.000 persoas baixo o lema “Desde a Amazonía para o mundo: Fin da desigualdade e do racismo ambiental. Xustiza climática xa”.
Á marcha acudiron tamén movementos sociais de Kenya, Filipinas e Malaisia, que denunciaron as perdas humanas e territoriais provocadas pola crise climática.
A mobilización en Belém retomou as marchas globais de presión diante das políticas ambientais dos cumies oficiais, despois de tres anos nos que a celebración da COP en países como Acerbaixán, Dubai e Exipto limitou a liberdade de expresión e as protestas.