Cos beneficios das petroleiras de 18 días financiaríanse todos os chamamentos humanitarios da ONU

Oxfam sostén que nos últimos 6 anos a fame extrema multiplicouse por máis de dous nos 10 países máis afectados polo cambio climático
O sur de Omo, en Etiopía, é unha das zonas máis afectadas pola seca. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sur de Omo, en Etiopía, é unha das zonas máis afectadas pola seca. (Foto: Europa Press)

Oxfam Intermón difundiu esta sexta feira, 16 de setembro, un informe sobre “o impacto da crise climática nun mundo famento” que debuxa un sombrío escenario actual e proxecta un futuro máis escuro aínda se non se producen cambios sistémicos.

Fame e quecemento global é o titular que encabeza este informe, cuxo resumo executivo pon un exemplo ckarificador da situación: “Un terzo de Paquistán está enterrado baixa a auga. Os cultivos e as terras quedaron arrasados, e as infraestruturas agrícolas destruídas. Na outra beira do mar Arábigo, Somalia está a sufrir a peor seca en 40 anos, coa consecuente perda de colleitas e de cabezas de gando. O clima non está a cambiar. Xa o fixo”.

Un cambio climático que “está a agravar a fame de millóns de persoas en todo o mundo”, xa que nos últimos 50 anos os fenómenos meteorolóxicos extremos “multiplicáronse por cinco e destruíron fogares, decimando medios de vida, exacerbado os conflitos e desprazamentos, e profundado as desigualdades.

Case 50 millóns de persoas afectadas en dez países

“Os 10 países máis afectados polo cambio climático sufriron un incremento de 123% da fame severa no últimos seis anos”, sinala o informe.

Son os dez “puntos críticos” que sumaron un maior número de chamamentos de emerxencia de Nacións Unidas asociados a fenómenos meteorolóxicos extremos: Somalia, Haití, Xibutí, Quenia, Níxer, Afganistán, Guatemala, Madagascar, Burkina Faso e Zimbabue. Actualmente, 48 millóns de persoas están en situación de fame severa nestes países, fronte aos 21 millóns de 2016. Delas, 18 millóns están ao bordo da fame extrema.

“Os 10 países máis afectados polo cambio climático sufriron un incremento de 123% da fame severa no últimos seis anos”, sinala o informe.

O informe de Oxfam tamén incide en que a fame derivada dos efectos do cambio climático é unha clara mostra da desigualdade mundial. E, para máis inri, “os países menos responsábeis da crise climática son, non só os que están a sufrir máis os seus efectos, senón tamén os menos preparados para facerlles fronte”.

A media diaria dos beneficios obtidos polas empresas de hidrocarburos nos últimos 50 anos ascende a 2.800 millóns de dólares e os obtidos por estas empresas en menos de 18 días bastarían para financiar a totalidade dos chamamentos humanitarios de Nacións Unidas en 2022, cuxo custo está valorado en 49.000 millóns de dólares.

Comentarios