Maduro gaña e María Corina Machado non recoñece o resultado e chama os militares a "facer respectar o voto"

Con 80% escrutado Maduro obtería máis da metade dos votos
Edmundo González e María Corina Machado, esta segunda feira (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press).
Edmundo González e María Corina Machado, esta segunda feira (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press).

As celebracións por distintas partes do territorio desatáronse despois de que poucos minutos máis tarde da medianoite do domingo á segunda feira (6 da mañá da segunda na Galiza) o presidente do Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela, Elvis Amoroso, anunciara que tras o escrutinio de 80% das mesas electorais a tendencia era irreversíbel a favor do presidente progresista, Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico Simón Bolívar), que se impuña por máis de 700.000 votos ao conservador Edmundo González (Plataforma Unitaria Democrática), nuns resultados cuestionados desde a oposición ou desde países occidentais.

As votacións permitirán ao sucesor de Hugo Chávez após o seu falecemento estender o seu Goberno até 2031 despois dunha toma de posesión prevista para o 10 de xaneiro do ano que vén e logo de superar os comicios máis difíciles para o chavismo no cuarto de século que leva no poder, nun segundo mandato marcado polas sancións estadounidenses, que causaron un profundo dano na economía e na sociedade venezolana, e do intento de golpe de Estado dos conservadores con apoio estadounidense. A súa elección levará Maduro, que alcanzou a Presidencia en 2013, a dirixir o país máis tempo que o propio Chávez (1999 a 2013).

Cunha participación de 59% das máis de 21 millóns de venezolanas e venezolanos convocados ás urnas e a expensas do final do reconto, o mandatario obtivo 51,2% dos sufraxios con máis de 5.150.000 de papeletas, namentres González fíxose con case 4.450.000, que supoñen 44,2%. Os outros oito candidatos, moitos dos que xa recoñeceron o resultado, concentraron 4,6%.

Un dos primeiros en reaccionar foi Benjamín Rausseo, da Confederación Nacional Democrática, que chamou a respectar “o veredicto do árbitro” e expresou o seu “respaldo” ao CNE.

Pola súa parte, o candidato de Arepa Dixital, Daniel Ceballos, trasladou os seus parabéns a toda a cidadanía venezolana pola xornada electoral, que decorreu nun escenario sen violencia, e defendeu que Venezuela é capaz de “resolver as diferencias” a través do voto. Na mesma liña, o aspirante de Primeiro Venezuela, José Brito, lembrou que se comprometeron en todo momento a recoñecer o resultado oficial do CNE.

Amoroso detallou que o atraso á hora de comunicar os resultados debeuse a un ataque informático contra o sistema de transmisión da información electoral e solicitou á Fiscalía unha investigación ao respecto que inclúa as agresións rexistradas contra centros de votación e persoas funcionarias electorais.

"É o triunfo da paz, do ideal republicano, das ideas da igualdade. Este, comandante Hugo Chávez, é o teu triunfo", sostivo Maduro tras unha vitoria que coincidiu co aniversario do líder bolivariano que lle precedeu na Presidencia da República de Venezuela.

Maduro pediu a terceiros Estados "respecto á Constitución, aos poderes públicos, á vida soberana de Venezuela e á vontade popular", tras pronunciamentos adiantados por parte de varios Gobernos que puxeron en dúbida a súa vitoria.

“Non poderán xamais coa dignidade do pobo”, defendeu na súa primeira intervención como presidente electo Maduro entre berros de “non volverán” dos seus partidarios, incidindo en que “o fascismo en Venezuela, a terra de Bolívar e Chávez, non pasará nin hoxe nin nunca” e responsabilizando do “hackeo informático masivo” aos que buscaban lexitimar “o que xa estaba cantado, o grito de fraude”, unha “película” que “vin varias veces” e que é a da “extrema dereita”.

'Hackeo' do sistema electoral

Maduro denunciou que o sistema electoral foi atacado "masivamente" desde o estranxeiro e responsabilizou a axentes locais de estar implicados na manobra, pois, segundo afirmou, estes pretendían impedir que se anunciasen os resultados.

"Venezuela sufriu un ataque, un hackeo masivo. Xa sabemos de que país vén [nunha clara referencia aos Estados Unidos]. Un ataque masivo ao sistema de transmisión do CNE porque os diabos e as diabas non querían que se totalizase e se dese o resultado hoxe", acusou, á vez que instou á Fiscalía para adiantar a correspondente investigación e sancionar aos culpábeis.

Machado non recoñece o resultado e chama as Forzas Armadas a actuar

Nese sentido, e despois de denunciar fraude en 2013 e boicotear as presidenciais de 2018, o que foi aproveitado por Estados occidentais para xustificar o apoio ao golpe de Estado contra Maduro, a oposición sostivo pouco despois que se trataba dunha fraude. “Venezuela ten un novo presidente electo e é Edmundo González”, asegurou María Corina Machado, líder real dos conservadores, vinculada coa ultradereita internacional e que designou González como candidato despois de ser ela a elixida a pesar de estar inhabilitada por corrupción, insistindo en que só contaban con 40% das actas de votación trasladadas polo organismo electoral e en que terían gañado por 40 puntos.

“Quero que saiban que isto foi algo tan abafador e grande que gañamos en todos os sectores do país”, dixo Machado, afirmando que "o deber das Forzas Armadas é facer respectar o voto, e iso é o que esperamos dos nosos militares". Á vez, engadiu que "violencia é aldraxar a verdade e nós imos defender a verdade", nunha mensaxe entendida por moita xente como un chamamento a un golpe de Estado, é dicir, a derrocar ao Goberno venezolano pola forza.

O certo é que durante a campaña as enquisas outorgaban a vitoria a Maduro ou González segundo a adscrición de quen as efectuaba, e o mesmo aconteceu coas sondaxes durante a xornada electoral malia a súa prohibición. Ademais, horas antes de que o CNE comunicara os resultados electorais os titulares de Exteriores de oito Estados latinoamericanos con Executivos da dereita á extrema dereita demandaron “garantías” sobre os resultados, que despois cuestionaron.

En paralelo, rexistrouse división entre os progresistas. En tanto o líder de Chile, Gabriel Boric, afirmou que os resultados son “difíciles de crer” e o de Guatemala, Bernardo Arévalo, sinalou que tiña “dúbidas”, Colombia solicitou unha “auditoría”, o Brasil agardar á publicación dos datos íntegros e Honduras, Bolivia ou Cuba felicitaron Maduro.

Ao tempo, os Estados Unidos reiteraron a súa “seria preocupación” polos resultados e a Unión Europea (UE), da mesma maneira que o Estado español, reclamou “total transparencia” sobre os datos das mesas electorais. Pola súa parte, Rusia e a China recoñeceron os resultados.

Sistema comprobadamente encriptado e observación internacional

Dous dos cinco membros do Comité Nacional Electoral son considerados de tendencia opositora ao chavismo. Ademais, tal e como sostiña o diario El País apenas tres días antes da contenda electoral, “a transmisión do voto no sistema automatizado local está comprobadamente encriptado e as máquinas imprimen actas para que as testemuñas electorais poidan constatar os resultados co que anuncie o CNE”.

“O sistema foi varias veces auditado e non parece haber dúbidas sobre a garantía do seu segredo. Esta é unha certeza que ten a dirección da oposición, e tamén a cidadanía, que o foi aprendendo elección tras elección”, sostiña o xornal xeralista en papel máis lido do Estado español.

Ademais, as eleccións presidenciais deste domingo contaron con centos de observadores e observadoras internacionais procedentes de institucións como as Nacións Unidas, a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) ou da Unión Africana.

O propio González admitiu durante a xornada que máis de 99% dos centros electorais funcionaba con normalidade.

En declaracións a Nós Diario, Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre, vinculada ao BNG, unha das máis de 600 persoas observadoras internacionais que asistiron á xornada de votación, indicou tras percorrer colexios electorais de Caracas e falar con representantes opositores que percibiu como o proceso decorreu libremente e "sen medo".

Comentarios