Marcha nacional "excepcional" por un segundo referendo de independencia en Escocia

A organización da sociedade civil All Under One Banner convoca a manifestarase en Glasgow o 11 de xaneiro.
escocia_manifa
photo_camera O 5 de outubro, arredor de 200.000 persoas manifestáronse a prol da independencia polas rúas de Edimburgo, a capital de Escocia [@AllUnderOneBanner]

A ampla maioría lograda por Boris Johnson nos pasados comicios lexislativos choca co contundente triunfo do independentismo en Escocia. Johnson está disposto a executar o Brexit canto antes e négase en rotundo a que Holyrood convoque un segundo referendo de independencia. Esta situación de bloqueo mobilizou a sociedade civil escocesa, que teme ficar "encerrada" nun Reino Unido fóra da Unión Europea.

"Acabamos de informar a Policía de Escocia de que marcharemos pola Independencia o sábado 11 de xaneiro en Glasgow debido ás circunstancias políticas excepcionais. É urxente que exerzamos o noso dereito á autodeterminación tomando as rúas da nosa maior cidade co ano novo”. Desta maneira anunciou a organización All Under One Banner (AUOB, "Todas e todos baixo a mesma bandeira") a mobilización que preparan despois dos resultados electorais nas eleccións xerais británicas.

Nos comicios do 12-D, o nacionalismo ─representado polo Partido Nacional Escocés (SNP)─ aumentou o número de representantes en 13 respecto a 2017 até se situar en 48 (dos 59 distritos/asentos en xogo). 

A marcha "excepcional" do 11 de xaneiro súmase ao programa previsto con antelación para 2020, que como vén sendo habitual nos últimos anos concéntrase principalmente nos meses de primavera e verán: Arbroath (4 de abril), Glasgow (2 de maio), Peebles (6 de xuño), Elgin (4 de xullo), Kirkcaldy (1 de agosto), Stirling (12 de setembro) e Edimburgo (3 de outubro).

Apoio crecente

AUOB, segundo o seu fundador, Neil Mackay, naceu o 12 de outubro de 2014 co obxectivo de organizar manifestacións por todo o país e atraer desta maneira a atención da cidadanía sobre a causa arredista tras o referendo dese ano, en que as escocesas e os escoceses votaron, con 55%, permanecer no Reino Unido. 

Segundo informaron desde AUOB, o percorrido da marcha será o mesmo que seguiu a do pasado 4 de maio, a maior das organizadas até esa data, con perto de 90.000 persoas. A cifra foi amplamente superada na seguinte, o 5 de outubro en Edimburgo, a capital, congregando 200.000 manifestantes.

Os laboristas, en contra do plan de Sturgeon

Está previsto que a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, presente esta quinta feira, 19 de decembro, o seu plan de ruta de cara á convocatoria dun segundo referendo de independencia "en liña cos repetidos mandatos electorais", tal e como avanzou esta semana nunha sesión en Holyrood.

sturgeon

A "proposta democrática" para solicitar ao Goberno británico a convocatoria do indyref2 non contará co apoio do Partido Laborista. Segundo defendeu nesa mesma sesión o deputado Neil Findlay, o laborismo escocés pensa que convocar a consulta en 2020, mentres que aínda está por aclarar cal será a futura relación comercial entre o Reino Unido e a UE, sería un erro.

A respecto, Sturgeon dixo que "durante o proceso do Brexit o Goberno de Westminster ignorou a vontade do pobo escocés e a visión deste Parlamento", e agora que Johnson está determinado a impulsar con prontitude a lei do Acordo de Saída, "este Parlamento terá que considerar se aproba ou non esa lei." 

E dirixíndose directamente aos laboristas afirmou que "terán que decidir se o seu rol na política é mitigar o que os Gobernos tories fan a Escocia".

Comentarios