A Convención de Xenebra non rexe en Lesbos para a UE

Unha refuxiada siria co seu fillo agarda na cidade turca de Edirne a cruzar a fronteira (Contacto)

Grecia enviará nos próximos días a todos os inmigrantes que chegaron ao seu territorio a partir do 1 de marzo a un campo militar no norte do país, en Serres, segundo confirmou onte o ministro de Inmigración, Notis Mitarachi. Estas persoas, informou o Goberno grego, serán deportadas posteriormente aos seus países.

Grecia, Estado membro da UE desde 1981, embarcou xa nas últimas horas nun buque militar ducias de persoas chegadas á illa de Lesbos estes días desde Turquía. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o resto de institucións da UE mostraron esta semana a súa solidariedade co socio comunitario. En concreto, Von der Leyen sinalou que a prioridade é manter a orde nas fronteiras exteriores e prometeu o envío de efectivos para protexelas.

Neste sentido, un equipo de intervención rápida da axencia europea para o control da fronteira exterior da UE, Frontex, chegará nas vindeiras horas á zona, tal e como demandou Atenas a Bruxelas, co fin de conter o paso desde Turquía de inmigrantes e demandantes de asilo. A recente crise migratoria chega despois de que o Goberno turco abrise o paso ás persoas refuxiadas e inmigrantes logo da morte, hai unha semana, de 33 soldados turcos no marco dos enfrontamentos que se están a producir na provincia siria de Idlib

A xefa do Executivo comunitario loou a policía grega e o seu servizo de gardacostas polo traballo dos últimos días, e sinalou: "Agradezo a Grecia que sexa o noso escudo europeo nestes tempos". A visita de Von der Leyen, acompañada dos presidentes do Parlamento Europeo, David Sassoli, e do Consello Europeo, Charles Michel, produciuse pouco despois de que, o pasado domingo, o Goberno de Grecia informase de que "a partir de agora, non aceptaremos ningunha nova solicitude de asilo durante un mes".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.