Os contaxios en Portugal e Reino Unido, en máximos desde febreiro

Ante o avance da vacinación, a Covid-19 está a afectar principalmente os máis novos.
EuropaPress_3634247_personas_bicicleta_torre_belem_lisboa (1)
photo_camera Turistas pasean en bicicleta por diante da Torre de Belem, en Lisboa (Foto: Pedro Fiuza / Xinhua)

A Direção-Geral da Saúde (DGS) de Portugal informou hoxe de 1.350 novos contaxios de coronavirus, a cifra máis alta desde o pasado 24 de febreiro. Tamén no Reino Unido, o Ministerio de Sanidade notificou 9.055 novos positivos, o número máis alto desde ese mesmo mes.

No caso luso son xa 860.395 as persoas que deron positivo desde o inicio da pandemia. Ademais, rexistráronse nas últimas 24 horas seis novas mortes, elevando o total a 17.055. A DGS rexistrou tamén un lixeiro aumento no número de persoas ingresadas por Covid-19, con 251 en planta, cinco máis que na xornada anterior, e 83 en unidades de coidados intensivos, catro máis.

A maioría dos casos notificados esta terza feira foron diagnosticados na rexión de Lisboa e Vale do Tejo (68,7%), a cifra máis alta desde o 19 de febreiro, cando se contabilizaron 975 positivos. As seis mortes tamén se rexistraron na zona da capital, que alberga 60% de todas as hospitalizacións do país.

Lisboa continúa sen avanzar no plan de desescalada debido á súa situación epidemiolóxica e podería mesmo retroceder en se o número de novos casos supera 240 por 100.000 habitantes.

A nivel nacional o índice de transmisibilidade subiu a 1,12, da mesma maneira que a incidencia, con 91 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Ante o avance do plan de vacinación entre os máis maiores, 60% dos novos contaxios sitúanse por debaixo dos 40 anos

30 millóns, vacinados

No Reino Unido preocupa o crecemento na taxa de ingresos hospitalarios. O ministro de Sanidade, Matt Hancock, recoñeceu no Parlamento que aumentaran 48% na última semana, aínda que matizou que a maioría son pacientes menores de 50 anos que non completaron a pauta de vacinación.

O Goberno estima que máis de 42 millóns de persoas recibiron xa polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19, mentres que 30 millóns completaron a pauta. A campaña esténdese xa a faixa de idade de 20-29 anos, co obxectivo de facer fronte á expansión da variante Delta do virus, a orixinaria da India.

O Executivo de Boris Johnson tamén confirmou que a vacinación será obrigatoria no caso dos traballadores de residencias de maiores, e non desbotou que o poida ser tamén para os funcionarios da sanidade pública. 

Unhas 40.000 persoas morreron tras contaxiarse en residencias de Inglaterra e, aínda que a maior parte dos traballadores destes centros xa están vacinados, estímase que podería haber máis de 50.000 aínda sen inmunizar, segundo a cadea de televisión Sky News

Comentarios