venres 03/12/21

O Consello Europeo, optimista polo veto húngaro-polaco e pesimista polo Brexit

Os xefes de Estado e de Goberno da UE reúnense esta quinta feira en Bruxelas cos ambos os dous temas sobre a mesa.
EuropaPress_3471390_09_december_2020_england_london_uk_prime_minister_boris_johnson_speaks
Johnson, hoxe en Westminster, antes de partir cara a Bruxelas (Foto: Jessica Taylor / dpa)

O presidente de Polonia, Andrzej Duda, adiantou hoxe que se chegara a un preacordo a respecto do bloqueo previo sobre os orzamentos comunitarios e o fondo de recuperación posCovid, un total de 1,8 billóns de euros. Fíxoo nunha conferencia de prensa conxunta co seu homólogo da República Checa, Milos Zeman, horas antes da reunión do Consello Europeo.

"O traballo e as negociacións continúan. Este acordo é o resultado dos grandes esforzos realizados pola banda polaca e húngara, mais tamén pola presidencia alemá [de quenda da UE até fin de ano]", manifestou.

Ambos os dous países decidiron bloquear a aprobación do paquete orzamentario debido ao mecanismo introducido de vincular os fondos co respecto da liberdade de prensa ou da independencia xudicial como parte do estado de dereito e dos valores comunitarios.

Segundo varios medios europeos, o binomio de bloqueo conseguiu nas negociacións con Berlín que se reafirmase que a aplicación deste mecanismo se faría de forma obxectiva e ecuánime a todos os Estados membros. A axencia Reuters, citando membros do Goberno de Polonia, tamén recolle que se estabelecerá unha cláusula que obrigue a unha decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europea antes da posíbel toma de decisións punitivas.

O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, xa avanzara na terza feira que había unha probabilidade alta de acordo despois dunha xuntanza co seu homólogo polaco, Mateusz Morawiecki, e o líder do partido deste último, Jaroslaw Kaczynski, escribiu onte pola tarde no Facebook que "marchaba para Bruxelas". "As reunións esta noite, o Día D mañá", engadiu.

Cea polo Brexit

Outro asunto sobre a mesa é a negociación da futura relación bilateral entre o Reino Unido e a UE así remate, o 31 de decembro, o período de transición non prorrogábel. O primeiro ministro británico, Boris Johnson, advertiu onte de que ningún xefe de Goberno do seu país debería "aceptar" os términos ofrecidos até agora por Bruxelas. O negociador comunitario, Michel Barnier, xa  avisou de que ve máis probábel que non se logre o acordo en 2020.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Johnson fixo as declaracións antes de se reunir pola noite coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunha cea en Bruxelas. Sinalou as normas de competencia xusta que quere aplicar a UE e o conflito no acceso ás augas pesqueiras británicas como os principais escollos para o acordo.

O Consello Europeo, optimista polo veto húngaro-polaco e pesimista polo Brexit
comentarios