O Congreso prorroga o estado de alarma entre críticas da oposición

Vox, Junts e a CUP votan en contra da medida.
O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)
photo_camera (Pool)

Como estaba previsto, o Congreso acordou prorrogar até o 10 de maio o estado de alarma, entre fortes críticas da oposición e co voto en contra de Vox, Junts e a CUP. O debate no pleno respondeu ao guión previsto. O Goberno estatal sabía que contaba cos apoios suficientes para sacar adiante a súa proposta de novas medidas excepcionais, co cal, a principal incógnita estaba en coñecer os termos da intervención do dirixente do PP, Pablo Casado, unha vez abertas as novas canles de comunicación con Pedro Sánchez.

O presidente do Executivo español compareceu no Congreso coa mirada posta no cumio europeo de hoxe, onde se van avanzar as propostas en materia económica para o conxunto da Unión Europea. Pedro Sánchez, despois de agradecer o seu apoio aos grupos da Cámara que apoiaron a ampliación do estado de alarma, desenvolveu a súa oferta de pacto de reconstrución social e económica con todas as forzas políticas, axentes sociais, autonomías e concellos. Ao tempo, aproveitou a sesión para advertir que a saída que se está deseñando para o confinamento vai ser "lenta e gradual" para que sexa segura, sen descartar "pasos atrás e retrocesos".

Pablo Casado interveu para a súa parroquia. O máximo responsábel do Partido Popular non dubidou en cargar duro contra o Executivo, sinalando que "non houbo prudencia, houbo incompetencia" e criticouno "pola mala xestión cando se tiñan podido evitar moitos falecementos só con aprobar o estado de alarma unha semana antes". A intervención de Casado non se pode desligar do resultado da súa xuntanza con Sánchez na segunda feira, onde o Partido Popular comprometeu o seu apoio á proposta do Goberno dunha alternativa de concertación para facer fronte á situación.

Podemos aproveitou o debate para marcar perfil sobre esta nova versión dos Pactos da Moncloa. O portavoz do partido morado, Pablo Echenique, solicitou uns "acordos para saír da crise dun xeito diferente a 2008" e fixo unha defensa fechada da xestión do Goberno, cando as fendas entre os socios son cada día máis notorias. "Estase facendo todo o contrario que se fixo na anterior crise. Agora prohíbense os desafiuzamentos. Na anterior crise facilitouse o despido. Nesta crise protéxese o emprego cos ERTE e prohíbese o despido obxectivo por coronavirus", sinalou Echenique, afirmando que "o Goberno levantou un escudo social".

Rego: "Non queremos que se confinen os nosos dereitos"

As formacións nacionalistas amosáronse moi críticas coa xestión do Executivo. O portavoz do BNG, Néstor Rego, salientou que "non imos permitir que se confinen os nosos dereitos. E tamén por iso queremos deixar claro que apoiamos a continuidade por dúas semanas do estado de alarma, pero non apoiamos en absoluto a xestión que o Goberno está facendo desta crise". Criticou as propostas económicas por consideralas "insuficientes" e "nalgúns casos inxustas". "Tamén temos que dicir que somos moi críticos coa xestión que fixeron e están facendo desta crise", agregou.

"Rectifiquen, porque ás veces acertan cando rectifican", afirmou Rego, "vostedes empezaron por centralizar as decisións, o que evidentemente foi un erro. A xestión demostrou a incapacidade do Estado, particularmente do Ministerio de Sanidade, de xestionar con eficacia", concluíu o nacionalista.

Comentarios