O conflito polo control de Groenlandia deixa en evidencia a función da OTAN

Estados Unidos ten postos os seus ollos nos recursos de Groenlandia. O Goberno de Trump vén reclamando a propiedade da illa e mesmo ameaza co recurso a forza para conseguila. A OTAN, da que fai parte Dinamarca, garda silencio e compra o relato da Administración estadounidense neste debate.

Interweb
O primeiro ministro de Groenlandia, Jens Frederik Nielsen; a súa homóloga en Dinamarca, Mette Frederiksen, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.(Foto: Europa Press)

Washington acollerá esta cuarte feira unha reunión chave para o futuro de Groenlandia. A xuntanza, solicitada polo Goberno dinamarqués para buscar puntos de encontro sobre a illa co Executivo estadounidense nun contexto marcado polas demandas da Administración de Donald Trump, reunirá o vicepresidente dos Estados Unidos, J.D. Vance, e o secretario de Estado, Marco Rubio, co seu homólogo danés, Lars Lokke Rasmussen, e coa conselleira groenlandesa de Asuntos Exteriores, Vivian Motzfeldt.

O punto de partida para o encontro é a demanda de Estados Unidos de facerse coa titularidade de Groenlandia. Neste punto, os voceiros do Goberno estadounidense insisten en ficar coa propiedade da colonia dinamarquesa pola vía diplomática, mais non descartan recorrer á forza. Así, o propio Marco Rubio manifestou que "se o presidente identifica unha ameaza á seguridade nacional dos Estados Unidos, todo presidente ten a opción de abordala pola vía militar", se ben "como diplomático, que é o que son agora, e ao que nos dedicamos, sempre preferimos resolvela de diferentes maneiras".

Os representantes de Dinamarca e de Groenlandia acoden á reunión de Washington nunha posición de evidente debilidade. Sen ir máis lonxe, o antigo primeiro ministro de Países Baixos e actual secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, garda silencio fronte a unha proposta que implicaría a desintegración territorial dun Estado da alianza militar como consecuencia das exixencias doutro país integrante da mesma, e asume o relato estadounidense sobre a necesidade de aumentar a súa presenza na área de Groenlandia, no marco da batalla xeopolítica contra Rusia e China polo control das rutas do Ártico.

Rutte considerou esta terza feira, nunha comparecencia pública desde a capital croata de Zagreb, que o Ártico "é unha parte vital do territorio da OTAN" e apuntou que "todos estamos de acordo en que esta debe ser unha prioridade". Porén, non se pronunciou sobre as aspiracións expansionistas dos Estados Unidos para facerse cos recursos mineiros de Groenlandia e agochou a presenza militar da OTAN na illa a través de soldados daneses e estadounidenses, asentados na base de  Pituffik, erguida en 1941 e unha das máis importantes da Forza Aérea dos EUA.

A posición de Rutte é significativa dos obxectivos e dos intereses da OTAN. A estrutura militar fundada en 1949 naceu como un instrumento dos Estados Unidos para combater os seus adversarios xeoestratéxicos e impor as súas alternativas no espazo europeo. Após a creba do bloque socialista e a desaparición da Unión Soviética seguiu actuando como unha ferramental central da política exterior estadounidense, para garantir unha Unión Europea aliñada con Washington, en coherencia co seu espírito fundacional, como capítulo europeo do proxecto estadounidense.

A soberanía, en cuestión

O debate sobre a titularidade de Groenlandia pon sobre a mesa a absoluta falta de relevancia internacional da Unión Europea e o seu seguimento das políticas da Administración estadounidense. Neste sentido, os Estados comunitarios barallan distintas respostas ás amezas do Goberno de Trump, mais todas no marco dunha estratexia conxunta na OTAN. A maioría dos analistas coinciden en que se Estados Unidos decide ficar con Groenlandia a UE acabará por aceptalo, comezando pola propia Dinamarca.

O antigo xornalista de La Vanguardia e especialista en política internacional Rafael Poch entende que "o mundo está a virar e, nese contexto, a Unión Europea continúa lambéndolle as botas a Trump sen recibir máis que novos e maiores desprezos".

Unha opinión semellante mantén o prestixioso analista internacional británico Anatol Lieven, quen asegura que “para defender a Ucraína, un país que non é membro da OTAN nin da Unión Europea, a Unión Europea e a OTAN terían que aceptar a invasión do territorio dun membro real da OTAN, Dinamarca". "Se isto ocorre, será unha humillación que nos converterá no ridículo do mundo. Hai tempo que a imaxe da Unión Europea rompeuse en todo o mundo, agora a perda de Groenlandia faríaa anacos a ollos dos propios europeos", prosegue.

As reclamacións estadounidenses sobre Groenlandia non se poden separar da actual conxuntura internacional e da política impulsada polo Goberno de Trump no marco da súa batalla pola hexemonía mundial contra o bloque liderado por China, que está levando os Estados Unidos a socavar a soberanía das nacións do mundo para apropiarse dos seu recursos, como aconteceu en Venezuela e tenta repetir en Cuba ou Irán, máis alá das consideracións que merezan os seus réximes políticos.

A vicepresidenta da Comisión Europea Teresa Ribera asegurou esta terza feira que Groenlandia "non está en venda" e admitiu que a UE afronta "tempos difíciles" e sinalou que "este tipo de ameazas" ante o silencio da presidenta, Ursula von der Leyen, ao respecto.

"Queremos ser só groenlandeses"

As reclamacións dos Estados Unidos sobre Groenlandia veñen de lonxe. As mesmas remóntanse á segunda metade do século XIX, sen ben a primeira proposta formal de compra da illa a Dinamarca non se concretou até 1902. A partir de aí, sucedéronse diversas ofertas, a máis seria delas en 1946, cando o Goberno estadounidense, que ocupaba Groenlandia desde 1940, tentou facerse con ela. Porén, o interese incrementouse nas últimas décadas deste século, gozando a iniciativa, tamén, de apoios nas filas demócratas, que vén con bos ollos apoderarse dun territorio moi rico e estratéxico para o control do mar Ártico.

A poboación de Groenlandia, vítima dun cruel colonialismo dinamarqués desde o século XVIII, é a gran silenciada no debate. O seu Parlamento emitiu unha declaración unánime que rezaba: "Non queremos ser estadounidenses, non queremos ser dinamarqueses... queremos ser groenlandeses". Na mesma recollíase que "o futuro de Groenlandia debe ser decidido polos groenlandeses" e concluía que se decidirá "en diálogo coa súa xente e en base ás leis internacionais e ao seu estatuto", pois "ningún outro país pode inmiscirse niso".

Comentarios