Internacional

Complícase a continuidade do estado de alarma: ERC tamén votará en contra

Gabriel Rufián no Congreso (arquivo).
Esquerra Republicana de Catalunya vén de resolver que votará en contra da nova prórroga do estado de alarma solicitada polo Goberno para manter a situación máis alá do día 10 de maio. O PP xa anunciou que o seu voto será negativo. 

A executiva nacional de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) vén de anunciar que o seu grupo parlamentar no Congreso das Deputadas votará en contra da continuación do estado de alarma a partir do vindeiro 10 de maio durante outros 15 días, como solicitou o Goberno español. 

"O estado de alarma non é o mecanismo axeitado", conclúen desde a formación republicana, que esta cuarta feira dirá "non" a pesar de terse abstido nas anteriores votacións. E faino cunha nova crítica ao "centralismo" na xestión da crise do coronavirus. 

"Demostrouse que non o era durante toda esta crise e así o denunciamos. A centralización foi un erro. Abstivémonos por responsabilidade e para dar un voto de confianza ao goberno español. E pedimos rectificación na retirada de competencias e espazos de soberanía. Non o fixeron. Non escoitaron. Non podemos seguir dando os nosos votos para facilitar este estado de alarma", aseguran nun comunicado.

Desde ERC inciden en que a Generalitat de Catalunya ten que poder xestionar directamente a desescalada "sen ter que esperar autorizacións nin rectificacións, sen duplicidades de traballo e sen pedir permiso para facer aquilo polo que a cidadanía nos elixiu". 

Votación esta cuarta feira

No mesmo sentido, mais con outros argumentos, manifestarase o Partido Popular no Congreso. O seu líder, Pablo Casado, sostivo esta mañá que non apoiarán a prórroga que se vota esta cuarta feira e falou de "chantaxe" do Executivo de Pedro Sánchez. 

O Goberno xa trasladou o "caos" que provocaría non sacar adiante a prórroga do estado de alarma tanto no eido sanitario como no económico. O certo é que o os únicos votos afirmativos confirmados até o momento son os dos partidos da coalición: PSOE e Unidas Podemos.  

Pola súa banda, o PNV tiña previsto manter unha reunión esta tarde para decidir o sentido do seu voto. Con todo, membros do partido nacionalista vasco sinalaron que o Goberno español debe permitir que cada territorio recupere as súas competencias durante a fase actual da crise para lograr o seu apoio nesta nova prórroga.

Nesta liña sitúase o BNG, que aínda non anunciou o sentido do seu voto. O seu deputado no Congreso, Néstor Rego, salientou desde o comezo da crise que a "centralización" era un "erro" e criticou a elección da "provincia" como unidade para os plans de desconfinamento do Executivo de Sánchez. 

Na votación da prórroga anterior Junts per Catalunya, a CUP e Vox xa votaron en contra