A China suspende contactos a nivel militar e xudicial cos EUA pola visita de Pelosi a Taiwan

Wang Yi, ministro de Exteriores chinés, nunha recente intervención ante os medios de comunicación en Indonesia. (Foto: Kusuma Pandu Wijaya / ASEAN Secret / DPA)
O Goberno chinés racha as relacións con Washington en diferentes ámbitos de cooperación internacional nun momento de crecente tensión.

O Ministerio de Asuntos Exteriores da China vén de facer público un comunicado no que anuncia unha serie de "contramedidas" en resposta á visita desta semana a Taiwan por parte da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi.

A diplomática estadounidense aterrou esta cuarta feira na capital, Taipéi, no que foi o primeiro encontro diplomático na illa cun alto cargo de Washington desde 1997, a pesar da oposición de Beijing.

O departamento que dirixe Wang Yi xa afeara ese mesmo día a viaxe de Pelosi alegando que os EUA estaban a "violar a soberanía da China baixo o disfrace da democracia", ao tempo que advertiu: "A completa reunificación da China é inevitábel".

Suspensión de reunións de traballo e da cooperación

Esta sexta feira Exteriores dá un paso máis aló e avanza a suspensión da cooperación coa Casa Branca en varios asuntos chave, como a colaboración na loita contra os delitos transnacionais, no control de drogas e na repatriación de persoas migrantes "ilegais".

Tamén se suspenden a cooperación entre ambos os países no que atinxe á asistencia xudicial penal e as conversas a respecto das medidas a abordar para frear o cambio climático.

E canceladas quedan tamén as reunións de traballo previstas entre líderes militares chineses e estadounidenses, o mecanismo de consulta de seguridade marítima militar e o encontro previsto entre diplomáticos dos departamentos de Defensa da China e os EUA.

Por outra parte, Beijing avanzou que imporá unha serie de sancións a Nancy Pelosi por facer caso omiso das reiteradas negativas do Goberno chinés á súa visita a Taiwan.