A China e a India acordan reactivar os voos directos e rebaixan as tensións
Despois de case cinco anos, a China e a India pactaron nunha reunión entre Wang Yi, ministro de Relacións Exteriores chinés, e Vikram Misri, secretario de Exteriores indio, a volta dos voos directos entre os dous, confirmou a terza feira Beijing.
O acordo supón un novo paso na desescalada das tensións entre ambos os países após os choques en 2020 entre os seus militares no Himalaia, nos que morreron como mínimo 24 soldados, onde manteñen unha disputa pola demarcación da fronteira.
Analistas citados por medios internacionais atribúen esta fase do achegamento ás ameazas de aranceis do presidente estadounidense Donald Trump, posto que Nova Deli, que depende entre outros da maquinaria chinesa para impulsar a súa economía, é tamén un importante mercado para Beijing.
En outubro do pasado ano a China e a India xa acordaran retirar os seus militares da primeira liña da área en disputa.
O último entendemento produciuse a pesar da preocupación india polo anuncio chinés da construción do encoro máis grande do mundo no Tíbet, que estaría situado no río Yarlung Zangbo, que segue o seu percorrido pola India coa denominación de Brahmaputra e por Bangladesh como Jamuna. Beijing trasladou que conviñeron continuar coa cooperación nos “ríos transfronteirizos”.
Liberdade de expresión
Ao tempo, en Paquistán, o Senado deu luz verde a un proxecto que permite ao Goberno impor multas e encarcerar persoas usuarias das redes sociais por contido que considere “ilegal e ofensivo” contra os militares ou o Parlamento, que a oposición criticou como un intento de acabar coa liberdade de expresión.
