A China e os EUA fechan un "marco" para un acordo comercial
Washington recúa nos novos aranceis de 100%.
Scott Bessent, secretario do Tesouro estadounidense, trasladou que alcanzaron un “marco” para un acordo comercial coa China, que será debatido a quinta feira entre o presidente Donald Trump e o seu homólogo chinés, Xi Jinping. Isto foi confirmado polo principal negociador chinés, Li Chenggan, que indicou que lograron un “consenso preliminar”, recolleron a segunda feira medios internacionais.
Nese sentido, Bessent explicou que a tregua arancelaria estenderíase máis alá do 1 de novembro, data na que non se imporían os novos aranceis de 100% anunciados a mediados de mes por Trump despois de que Beijing intensificara os seus controis de exportación sobre as terras raras, chaves para avións de combate ou teléfonos móbiles.
Ao respecto, asegurou que o país asiático “atrasaría” un ano estes controis e volvería comprar soia estadounidense.
Tamén apuntou que o entendemento incluiría o “acordo final” sobre a venda do negocio estadounidense de TikTok.
O potencial pacto chega despois de que Washington continuara no marco da tregua impoñendo medidas coercitivas contra a China, que respondeu con novos controis de exportación.
Ademais, esta semana estaba previsto que comezaran as interrupcións en cadeas de produción de automóbiles en Europa pola intervención do Executivo neerlandés en Nexperia, a filial local dunha empresa chinesa que produce chips. A isto contestou Beijing suspendendo as exportacións da empresa ao continente europeo.
No contexto da súa xira por Asia, Trump reuniuse a segunda feira co emperador do Xapón, Naruhito, antes de desprazarse a Corea do Sur para xuntarse con Xi e participar no Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC).
