Trump anuncia un acordo entre os Estados Unidos e a China sobre TikTok na reunión en Madrid
O ocupante da Casa Branca, Donald Trump, anunciou a sexta feira que “a gran reunión comercial en Europa entre os Estados Unidos e a China foi moi ben”, asegurando que o entendemento “está a punto” de finalizarse e engadindo que tamén se alcanzou un pacto sobre a rede social chinesa TikTok.
O mandatario divulgou ao tempo que falará co presidente chinés, Xi Jinping, a sexta feira, reiterando que “a relación segue a ser moi sólida”.
Trump referíase así ás conversas de dous días que remataron a segunda en Madrid, a capital do Estado español, tras as que Scott Bessent, secretario do Tesouro dos Estados Unidos, detallou que o acordo será fechado durante a conversa entre os dous líderes, garantindo que “xa temos un marco para que [TikTok] pase a ser propiedade estadounidense”.
A China non confirmou este extremo, e o subdirector da Comisión Central de Asuntos do Ciberespazo chinesa, Wang Jingtao, explicou que o marco resolve a cuestión “mediante métodos como a operación delegada dos datos de usuarios estadounidenses e do negocio de seguridade de contidos, así como o uso licenciado do algoritmo e outros dereitos de propiedade intelectual”. Isto implica que a matriz de TikTok, ByteDance, manterá a propiedade da rede social mais permitirá que unha empresa aprobada polos Estados Unidos xestione as súas operacións no país.
Bessent remarcou que as negociacións centráronse en TikTok, e defendeu que Beijing abandonou as súas exixencias de concesións no tocante aos aranceis, malia que as autoridades chinesas suxeriron que podería existir algunha clase de contrapartida.
A última prórroga para cumprir coa lexislación estadounidense que obriga a que TikTok no país sexa propiedade dunha empresa local ou dun Estado aliado remata a cuarta feira.
O secretario do Tesouro pormenorizou ao tempo que próximas conversas poderían derivar nunha nova prórroga da suspensión de boa parte dos aranceis bilaterais, ratificando desta maneira que aínda non hai un acordo comercial global entre ambos os dous.
No medio do diálogo en Madrid, Beijing transmitiu que unha investigación inicial concluíu que a empresa estadounidense Nvidia violou a lei antimonopolio, o primeiro paso para adoptar medidas na súa contra.
Ao respecto da suba dos aranceis á China que Trump exixe á Unión Europea (UE) pola compra de petróleo a Rusia, Bessent descartou que vaian dar o paso se Bruxelas non aplica con anterioridade estes gravames, que a China denunciou como “intimidación e coerción”.
