China aposta na estabilidade e coloca o pensamento de Xi na súa Constitución

Desde Deng Xiaoping ningún dirixente do PCCH conseguira que o seu nome e apelido figurase na carta magna do país.

XI Jinping
photo_camera XI Jinping

Xi Jinping xa está na Constitución da República Popular de China á altura das dúas grandes figuras da Revolución de 1949, Mao Zedong e Deng Xiaoping. A Asemblea Nacional do Poder Popular aprobou 21 emendas á Carta Magna, entre as cales figura a alusión directa á doutrina do "socialismo con características chinesas nunha nova era" estabelecida polo secretario xeral do PCCH e presidente da República, Xi Jinping.

En que consiste o "socialismo con características chinesas nunha nova era"? É difícil de o precisar con exactitude -o pensamento chinés escapa sempre ás simplificacións-, mais remite para unha certa mestura de elementos do maoísmo e do denguismo. Xi proporía unha sorte de síntese de Mao e Deng. De Mao herda Xi o apelo ao reforzamento do PCCH como estrutura dirixente do Estado -até o ponto de afirmar a primacía daquel sobre este. De Deng certo pragmatismo económico, mais non até o ponto de pór en cuestión a primacía das empresas estatais sobre as privadas nos sectores estratéxicos do país.

Como estaba previsto, a Asemblea Nacional do Poder Popular aprobou unha emenda que elimina o límite de dous mandatos para a presidencia da República. Racha así Xi con Deng, quen introduciu esa restrición para no país non se voltar a repetir o culto á personalidade a época maoísta. Nisto Xi está, pois, máis perto de Mao do que de Deng.

O apoio da ANPP ás teses de Xi foi abrumador. Dos 2.962 votos emitidos, 2.957 foron a prol da eliminación do límite de dous mandatos, 3 foron abstencións e só se rexistaron 2 votos en contra.

A entronización de Xi representa tamén unha clara aposta do PCCH pola estabilidade. Evítase así entrar nunha hipotética guerra de faccións no interior do partido, entre os partidarios da liña representada polo ex presidente Jiang Zemin, máis favorábeis ao avanzo do sector privado na economía do país, e as correntes neo-maoístas, que virían representar por volta do 30 por cento das bases da formación comunista.

Comentarios