Na esteira de Mao

Xi Jinping, sen límites para continuar ao fronte de China

O PCCH reforza o liderado de Xi Jinping ao apostar na eliminación da limitación de mandatos para o presidente da República. A diferenza dos seus predecesores Hu Jintao e Jiang Zemin, Xi é un líder con carisma e conta co plácet das distintas correntes do partido. A súa sorte está intimamente ligada á formidábel tarefa que ten por diante o PCCH: ser quen de combinar o desenvolvimento do país co combate á corrupción e coa aminoración das crecentes desigualdades producidas polo avanzo do mercado en áreas sensíbeis da economía.

XI Jinping
photo_camera XI Jinping

O Comité Central do Partido Comunista chinés acaba de propor remover da Constitución a cláusula, introducida no post-maoísmo, que limita a 10 anos como máximo -dous mandatos de 5- a permanencia ao fronte da presidencia da República popular. Xi Jinping ve reforzado así o seu poder de tal xeito que eleva a súa figura xa á altura dos dous grandes xigantes da historia da China socialista, Mao Zedong e Deng Xiaoping.

Xi Jinping (Beijing, 1953) asumiu o seu primeiro mandato como presidente da República Popular de China a 14 de marzo de 2013, con 60 anos. De acordo coa Constitución vixente no país, tería de abandonar o cargo forzosamente en 2023, con 70. Presumibelmente non o terá de facer, porque con toda seguranza o 5 de marzo o Parlamento chinés dará luz verde á proposta aprobada este domingo polo Comité Central do Partido Comunista, en función da cal decaerá da carta magna do país o límite de 10 anos para a permanencia no poder. 

Significa esta profunda alteración da arquitectura institucional chinesa que o país camiña cara a un liderado vitalicio de Xi? Non necesariamente. Hu Xijun, editor chefe do Global Times, un meio de titularidade estatal, esclareceu en twitter que "a remoción do límite dos dous mandatos non significa que China restaure o liderado vitalicio ao fronte do Estado. Esa especulación é unha má leitura".

O que parece evidente é que o PCCH aposta na estabilidade política para, nos próximos lustros, manter a dirección dun país que nos últimos tempos está a ensaiar un novo modelo de desenvolvimento, menos dependente dos mercados exteriores e máis preocupado por reducir as fortes desigualdades de ingresos producidas polas medidas liberalizadoras introducidas no país no post-maoísmo, baixo a dirección de Deng Xiaoping.

China planifica todo a meio e longo prazo e esta decisión do Comité Central do PCCH adóptase a poucos días de se facer 5 anos da chegada de Xi á presidencia do país. En todo caso, o movimento non colle por sorpresa ningún bon coñecedor da vida política do vello imperio do centro. Destarte, na análise de Xulio Ríos que publicamos sobre o recente XIX congreso do partido xa se puña en destaque a consolidación do xiísmo como unha nova guía ideolóxica do país á altura da marcada no seu momento por Mao e Deng.

Comentarios