sábado 16/10/21

Charlie Hebdo volve aos quiosques

Cunha tiraxe de 3 millóns de exemplares recunca cunha imaxe de Mahoma na capa. Co hastag #JeNeSuisPasCharlie diversas voces critican os cadriños da publicación por consideraren que "alimentan" preconceitos.

Capa Charlie Hebdo
[Imaxe Charlie Hebdo]

O semanario satírico francés atacado o 7 de xaneiro supostamente polos irmáns Chérif e Saïd Kouachi --abatidos a tiros pola gendarmerie dous días despois-- regresa esta cuarta feira (14 de xaneiro) aos quiosques da man dalgunhas das persoas que sobreviviron á agresión. 

"Charlie Hebdo, o xornal dos supervivintes" é o lema que se pode ler no portal web da publicación. "Semella que o lapis estará sempre enriba da barbarie... semella que a liberdade é un dereito universal... semella que nos apoiades", conclúe a mensaxe publicada antes de anunciar que máis unha semana sairán á venda. 

E farano, outra volta, cunha capa na que aparece debuxado Mahoma, o profeta musulmán polo que foi obxecto de fortes críticas e diversos ataques. "Todo é perdoado" é a frase que intitula o novo número onde o líder musulmán terma dun papel no que se pode ler "Je suis Charlie" [Eu son Charlie], o lema que mobilizou nas redes e nas rúas a solidariedade co semanario. 

Voces a contracorrente

Ao longo dos últimos días foron moitas as voces que se sumaron á campaña de apoio ao Charlie Hebdo mais tamén aqueloutras que promoveron o hastag #JeNeSuisPasCharlie [Eu non son Charlie] por consideraren que a reprodución dunha imaxe de Mahoma --o profeta non pode ser retratado de maneira algunha segundo a relixión musulmá-- constitúe unha ofensa. 

Diversas voces criticaron os cadriños de Charlie Hebdo por consideraren que "alimentan" preconceitos sobre o Islám e a comunidade musulmá

E non é que estas outras voces --que reman a contracorrente-- non amosasen a súa repulsa polo atentado senón que consideraron algúns dos cadriños publicados no Charlie Hebdo como unha "ofensa a todos os musulmáns". Aliás, lembran que o islamismo radical é "un produto do imperialismo occidental". "Os EUA alimentaron suxeitos lunáticos, sen escrúpulos e sedentos de poder para combater o grande satán, o comunismo", apunta Lële Teles desde o Brasil. Mais en troca de consideraren o atentado contra o Charlie Hebdo un crime contra a liberdade de expresión, como defenden os media sistémicos, desde outra ollada, crítica, subliñan a realidade social da Franza e, no concreto, das 6,2 millóns de persoas musulmás que moran na súa periferia --entre eles os irmáns Kouachi-- como obxecto de "preconceitos" e "exclusións". 

Neste senso, o Leonardo Boff, relixioso coida que nos cadriños de Charlie Hebdo "os adeptos ao Islam sempre estaban caracterizados polas súas vestimentas típicas, sempre portando armas ou facendo alusións á violencia, con trocadiños infames como "matar" e "estoupar", explica. Para Boff "é como se fixésemos no Brasil un cadriño dun negro asaltante e dixesemos que non critica/estereotipa os negros, só aqueles negros que asaltan". Unha mensaxe, di, que se difunde na sociedade francesa "cos seus 10% de musulmáns marxinados". 

"Os costumes son corrixidos ríndose deles", continúa o texto coa frase do poeta satírico francés Jean de Santeul mais, acrecentan desde o Brasil se "a brincadeira é sempre preconceituosa, trasnmite e alimenta o preconceito". 

comentarios