Investidura 2020

A chamada ao transfuguismo augura unha investidura de infarto

O Congreso volta a reunirse esta terza feira, 7 de xaneiro, para elixir a Presidencia do Estado, após Pedro Sánchez non ter logrado unha maioría absoluta de apoios na votación do domingo. Repetir o mesmo resultado daríalle hoxe a vitoria, pois agora só precisa ter máis votos a favor que en contra. Porén, se tan só un escano vira de voto, atraído polas chamadas da dereita ao transfuguismo, a sesión de investidura volvería resultar falida.
O candidato do PSOE á presidencia do Estado, Pedro Sánchez.
photo_camera O candidato do PSOE á presidencia do Estado, Pedro Sánchez (Europa Press).

O medo á pantasma do transfuguismo percorre as paredes do Congreso desde que se clarificaron as contas de Pedro Sánchez para a investidura, pois o candidato á Presidencia do Estado apreséntase cunha vantaxe de apoios de tan só 2 votos (167 a favor fronte 165 en contra). Con que só unha ou un representante que se prevé nas bancadas do ‘si’ mude polo ‘non’, daríase un empate e, por tanto, unha nova falida sesión de investidura. A esa posíbel sorpresa de última hora é a que se aferran no PP, Vox e Ciudadanos para que Sánchez non recunque na Presidencia.

Ás 12 horas desta mañá, 7 de xaneiro, toma a palabra no pleno o candidato do PSOE para pedir a confianza ao Congreso. Seguiranlle as portavocías dos grupos para, en 5 minutos cada unha, marcaren posicións. Finalmente, procederase á votación. O domingo 5 de xaneiro foi cando se votou por primeira vez, mais non se cumpriu o requirimento exixido de obter unha maioría absoluta de apoios. Así, Sánchez viuse abocado a esta segunda sesión na que lle abonda con ter máis votos a favor que en contra.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios