Investidura

Pedro Sánchez precisa manter os seus apoios para saír investido na votación desta terza feira

O candidato do PSOE ten que superar a maioría simple do Congreso e conta con 167 votos a favor e 165 en contra, se todo sae segundo o previsto
O candidato do PSOE, Pedro Sánchez, no Pleno de investidura (Europa Press)
photo_camera O candidato do PSOE, Pedro Sánchez, no Pleno de investidura (Europa Press)

A primeira votación para a investidura do candidato socialista á presidencia do Estado, Pedro Sánchez, remata con máis votos en contra dos precisos para alcanzar a maioría absoluta, tal e como se agardaba. En total, 165 votos en contra, 166 a favor e 18 abstencións; un si menos do agardado porque unha deputada de Unidas Podemos non estaba presente na Cámara por enfermidade.

A sesión de investidura retomarase a vindeira terza feira, 7 de xaneiro, cando Pedro Sánchez só precisará unha maioría simple para resultar investido. Porén, o socialista precisa manter os seus apoios actuais para superar esta segunda votación no Congreso. 

O candidato socialista e presidente do Goberno en funcións ten garantido o apoio dos seus 120 deputados e deputadas, o dos 35 de Unidas Podemos, dos 6 do PNV, dos 3 de Más País-Equo-Compromís e dos outros 3 que suman os representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Teruel ExisteNueva Canarias. Así suman 167 escanos que non son suficientes para unha maioría absoluta (176 votos) mais poden darlle a presidencia por maioría simple na segunda votación.

O bloque do 'non' suma 165 escanos: os 88 do Partido Popular, os 52 de Vox, os 10 de Ciudadanos, os 8 de Junts per Catalunya, os 2 da CUP, os outros 2 de Unión del Pueblo Navarro (UPN), 1 de Foro Asturias, 1 do Partido Regionalista Cántabro (PRC) e finalmente 1 máis de Coalición Canaria.

A primeira votación no hemiciclo do Congreso das Deputadas foi pública e por chamamento, polo tanto, as deputadas puxéronse en pé e anunciaron en alto o seu voto. A primeira en facelo, após o habitual sorteo, foi a deputada de En Comú Mar García Puig. 

Este domingo só houbo un voto telemático, o do deputado do Partido Nacionalista Vasco (PNV) Íñigo Barandiarán, que o solicitou por enfermidade. E todas as deputadas da Cámara respectaron a disciplina de voto das súas formacións con excepción da deputada de Coalición Canaria, Ana Oramas, que apostou pola negativa a Sánchez en lugar da abstención que aprobara o seu partido. 

Comentarios