O certificado de vacinación ábrese paso na escola francesa

No caso da detección dun contaxio nunha aula, tan só as nenas e os nenos vacinados poderán continuar coa aprendizaxe presencial.
EuropaPress_3845710_17_july_2021_france_paris_demonstrators_take_part_in_protest_against_the
photo_camera Manifestación contra as restricións pola Covid-19 en Francia, o pasado 17 de xullo en París (Foto: Sadak Souici / Le Pictorium Agency)

A volta á escola en Francia está prevista para o vindeiro 2 de setembro e todo o alumnado deberá regresar ás aulas para asegurar "o éxito e o benestar de todos os estudantes", anunciou o ministro francés de Educación, Jean-Michel Blanquer, nun avance dos protocolos anticovid para o próximo curso.

Entre as novidades está que no caso da detección dun contaxio nunha aula, tan só as raparigas e rapaces vacinados poderán continuar coa aprendizaxe presencial. Aqueles que non o estean deberán seguir as clases desde a casa durante sete días. Este é o caso para o alumnado de secundaria. En primaria, onde as crianzas aínda son moi novas para estar vacinadas, toda a clase deberá permanecer unha semana nas casa.

En Francia, os menores de entre 12 e 17 anos pódense vacinar desde mediados de xullo e coa nova lei aprobada polo Parlamento poderán recibir a inxección coa autorización de tan só un dos dous proxenitores, ou ningún se teñen 16 ou 17 anos. 

O Goberno prevé instalar entre 6.000 e 7.000 centros de vacinación cerca ou dentro dos centros escolares para facilitar as inoculacións.

Porén, a data de 25 de xullo, tan só 24% dos menores de entre 12 e 17 anos estaban vacinados, segundo os datos recollidos por France Info.

Controversia

Aínda que polo momento o certificado de vacinación ─que entrará en vigor entre o 7 e o 9 agosto para regular a entrada en lugares públicos─ non será obrigatorio nas escolas, Blanquer insistiu en que a inoculación contra a Covid-19 é "indispensábel".

O controvertido certificado debe aínda ser validado polo Consello de Estado, a máis alta instancia xudicial gala.

Comentarios