domingo 25/07/21

Pasaporte Covid para entrar nos bares

A obrigatoriedade da vacina contra a Covid para poder entrar en locais de restauración, así como en cines, teatros ou centros comerciais de Francia levou a un récord de peticións de inoculación nas últimas horas. Unha medida que se baralla noutros Estados da UE. Non en Alemaña, que desbotou a opción.
EuropaPress_3784829_celebraciones_paris_victoria_seleccion_francesa_eurocopa
Concentración en París durante un partido da selección francesa de fútbol na Eurocopa (Foto: Julien Mattia / Zuma Press)

Case 1,3 millóns de franceses solicitaron cita en Doctolib ─a plataforma online para este trámite─ desde que na noite da segunda feira o presidente Emmanuel Macron anunciase que sería obrigatorio contar co "pasaporte Covid" para poder realizar determinadas actividades. Por exemplo, ir a un bar ou a un restaurante. 

Nunha mensaxe televisada, Macron afirmou que o obxectivo do Goberno é a inoculación do 100% da poboación francesa, e que cómpren medidas adicionais para impedir que a variante Delta continúe a estenderse. 

Neste sentido tamén anunciou que todos os profesionais sanitarios deberán estar vacinados antes do 15 de setembro (até agora non era obrigatorio). Tras esta data, segundo o ministro de Sanidade, Olivier Véran, non poderán seguir traballando e deixarán de percibir o seu salario se non se inoculan. 

A vacinación é un "asunto de responsabilidade individual [...] mais tamén un asunto da nosa liberdade", sinalou Macron, antes de advertir que o "pasaporte Covid" ─un certificado ou código QR que proba que o posuidor é negativo en Covid, está completamente vacinado ou se recuperou recentemente da doenza─ será obrigatorio a partir de agosto para os maiores de 12 anos. 

Alén de bares e restaurantes, será necesario para acceder a festivais, teatros e cines; ou para viaxar en autobús, tren de longo percorrido e avión. Tamén, xa a partir do 21 de xullo, para acudir a actos de máis de 50 persoas. 

Pouco despois do anuncio, a plataforma Doctolib viuse saturada e permaneceu inaccesíbel durante un tempo, segundo informou France 24. Tras recuperarse, rexistrouse o récord de solicitudes de citas confirmado hoxe por Véran nunha entrevista en BFM.

O ministro tamén anunciou que a campaña de vacinación do estudantado de primaria e secundaria dará comezo en setembro, cando se reinicien as clases. 

De acordo cos datos oficiais recompilados pola axencia AFP, a taxa de inxeccións diarias decaeu nas últimas semanas: das 400.000 doses a finais de maio ás 165.000 actuais. Arredor de 40% da poboación ten a pauta completa, e 53,1% recibiu xa unha dose. 

"Non" alemán

Outros países da UE estudan seguir os pasos de Francia. Por exemplo, o Goberno de Irlanda anunciou que nos próximos días presentará unha lei para que entre en vigor a finais de xullo, impedindo a entrada a bares e restaurantes sen o "pasaporte Covid". 

En Italia, o responsábel gobernamental para a pandemia, Francesco Figliuolo, afirmou na RAI que aínda que a taxa de vacinación segue estábel, "non é suficiente" e cómpre darlle "pulo". "Usar o certificado Covid para varios tipos de eventos, como en Francia, podería ser a solución", dixo.

Máis alá decidiu ir Malta, que a partir de hoxe prohibirá a entrada ao país a todo aquel que non estea vacinado contra a Covid.

En sentido contrario vai Alemaña. "Non temos intención de seguir o camiño proposto por Francia", manifestou onte a chanceler Angela Merkel, que lembrou que se comprometeran a que a vacinación non sería obrigatoria. 

Considera que non axuda a xerar confianza nas vacinas, e aposta por apelar á conciencia cidadá. "Canto máis nos vacinemos, mais libres seremos e con máis liberdade viviremos". 

Investigan a relación entre a vacina Janssen e unha rara doenza neurolóxica

A farmacéutica Johnson&Johnson confirmou que traballa coa FDA, a axencia do medicamento dos EUA, no estudo dunha posíbel relación entre a súa vacina monodose e a síndrome de Guillain-Barré, unha rara doenza neurolóxica.

"Estamos en contacto coa FDA e con outros reguladores polos casos excepcionais de desordes neurolóxicas, a síndrome de Guillain-Barré, detectadas tras a vacinación coa vacina Covid-19 Janssen", explicou nun comunicado recollido pola CNN.

"As probabilidades de que ocorra son moi baixas e a taxa de casos excede a taxa de fondo por unha lixeira marxe", engadiu a multinacional farmacéutica.

J&J defendeu "a concienciación" ante os síntomas de doenzas raras como a síndrome de Guillain-Barré "para garantir que se poidan identificar rapidamente e tratar con eficacia".

comentarios