O catalán volta ser a primeira lingua materna de Andorra

Hai un cuarto de século que as enquisas situaban o castelán en primeiro lugar. O portugués é o idioma inicial para 13% dos andorranos.

andorra
photo_camera andorra

O catalán é a lingua materna de 44,1% da poboación andorrana maior de 14 anos, cousa que fai que se converta na primeira lingua materna do país pirenaico, por diante do castelán, con 40,3%. Desde finais do século pasado até o de agora, o castelán obstentaba esa primeira posición.

Son datos da enquisa "Coñecemento e uso lingüístico da poboación de Andorra", que o Goberno do principado presentou recentemente e da cal se fixo eco Nationalia. O traballo de campo realizouse entre maio e xuño de 2022 e a mostra son 747 enquisas telefónicas.

Por detrás do catalán e o castelán figura o portugués, con 13,5%, o francés (10%) e o inglés (3%).

O catalán é lingua de uso habitual para 63,7% de persoas enquisadas, mentres que o español éo para 48,6%. O portugués e o francés sitúanse en torno a 6% cada un.

A enquisa recolle porcentaxes do uso das linguas en distintos contextos. Segundo o estudo, 39,4% dos andorranos que teñen fillos usa só o catalán con eles, e 9,9%, o catalán e o castelán.

Pola contra, destas mesmas persoas, só 30% usa exclusivamente o catalán cos pais e 4%, catalán e castelán. Estes datos suxiren que no grupo de persoas con fillos dáse un incremento da transmisión xeracional do catalán.

Comentarios