Tal e como apuntaban as previsións da maioría de analistas e líderes políticos, a canaria Carolina Darias abandona o ministerio de Política territorial para facerse cargo da carteira de Sanidade e asume a tarefa con "ilusión, responsabilidade e moita humildade", segundo publicou a través de Twitter.
O xa ex ministro, Salvador Illa, deixaba así nas mans da súa colega a responsabilidade de comparecer diante do Congreso, a próxima sexta feira, para dar conta da situación de crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Unha cuestión que durante o último mes causou malestar, non só entre os grupos da oposición, senón tamén dentro da propia coalición de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos.
O executivo do Estado español leva semanas defendendo que esta remodelación supón un "axuste puntual" para solucionar cos mínimos cambios posíbeis a marcha de Illa.
Así, o presidente do Goberno de España pretende dar continuidade á xestión do catalán á fronte de Sanidade, xa que a ministra leva participando nas reunións do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde desde o mes de outubro, e está “plenamente implicada no proceso de vacinación".
A chegada de Darias a Sanidade supón o cuarto cambio neste ministerio desde que Sánchez chegou á Moncloa, en xuño de 2018. Na primeira lexislatura, en solitario, o cargo ocupouno Carmen Montón, que dimitiu aos tres meses por supostas irregularidades co seu traballo de fin de máster.
A súa substituta foi a médica María Luisa Carcedo, que exerceu até a conformación do novo Goberno de coalición, en xaneiro de hai un ano, cando Sánchez decidiu substituíla por Illa, para integrar o PSC no Consello de Ministros.
A carteira de Política territorial e Función pública, que ostentaba Darias, pasa ao ex candidato do PSC á Generalitat, Miquel Iceta, polo seu xesto de “xenerosidade” ao renunciar á candidatura en favor de Salvador Illa. Desta maneira, o executivo de Sánchez senta base para unha nova relación coa Generalitat logo das eleccións do 14 de febreiro.
O Consello de Ministros analiza se muda o limiar do Ingreso Mínimo
Entre os asuntos tratados onte no Consello de Ministros do Estado, analizouse a posibilidade de modificar o limiar para optar ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), co que o Goberno do Estado quería chegar a 800.000 fogares pero, até o momento, só se viron beneficiados 200.000.
No apartado de resolucións, o Ministerio de Traballo, aprovou prorrogar até o 31 de maio o acceso ás prestacións por desemprego das persoas profesionais da cultura, e tamén o "Plan Me Cuida" destinado a flexibilizar a xornada laboral daquelas persoas que se vexan cunha persoa dependente ao seu cargo.
Tamén se aprobou a proposta para declarar Parque Nacional a Serra das Neves, en Málaga, o que suporá a protección de masas de abeto pinsapo (Abies pinsapo) e afloramentos rochosos de peridotitas.