xoves 21/10/21

Carolina Darias releva Salvador Illa á fronte do Ministerio de Sanidade

O que fora candidato do PSC Miquel Iceta entra no Goberno do Estado español para facerse cargo da carteira que deixa Darias, é dicir, a de Política Territorial. Desta maneira Pedro Sánchez reestrutura a súa equipa para dar vía libre a que Illa entre na carreira electoral en Catalunya.
Sánchez durante o anuncio desta tarde. (Foto: M. Fernández / Pool / Europa Press)
Sánchez durante o anuncio desta tarde. (Foto: M. Fernández / Pool / Europa Press)

O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, anunciou hoxe a reestruturación do seu equipo após a marcha do ministro de Sanidade, Salvador Illa, para concorrer ás eleccións á Generalitat. Tal e como se especulaba hai semanas, Carolina Darias faise cargo do posto que queda libre na carteira máis importante en plena pandemia.

A que até agora era ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, encargarase da xestión sanitaria en plena terceira onda da Covid-19. Terá que afrontar esta nova etapa coa evolución epidemiolóxica en ascenso de contaxios.

Mentres Illa traballa na campaña en Catalunya de cara á cita electoral do 14 de febreiro, o que era líder do PSC e candidato á Generalitat, Miquel Iceta, da o salto á política española substituíndo a Darias en Política Territorial.

Foi Iceta o que, segundo o xa ex ministro, chamou para afrontar o reto dos comicios catalás e quixo dar un paso atrás cedendo a cabeza visíbel do partido.

Sánchez informou dos cambios após trasladar a información á Casa Real. Malia ser un cambio pequeno en cantidade -e grande a nivel de importancia polas variacións en Sanidade na situación actual, supón a primeira remodelación no Goberno español de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos agora que se fixo un ano da toma de posesión.

Porén, a mudanza só afecta a ministerios en mans dos socialistas e aseguran que é un "axuste puntual" desde hai semanas.

De cara ao papel de Darias en Sanidade, procúrase unha continuidade na xestión dado que a ministra xa viña participando con el nas reunións do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e no proceso de vacinación.

comentarios