domingo 07/03/21
Política territorial estará dirixida por Miquel Iceta

Carolina Darias, a substituta de Illa na carteira de Sanidade

A carteira de Sanidade, que até esta terza feira ostentaba Salvador Illa, pasa ás mans de Carolina Darias que, á súa vez, cede Política territorial e Función pública a Miquel Iceta, do Partido Socialista de Catalunya (PSC). Darias comparecerá esta sexta feira no Congreso, para dar conta da situación sanitaria da Covid-19.
EuropaPress_3449463_i-d_ministro_sanidad_salvador_illa_ministra_politica_territorial_funcion
A nova ministra de Sanidade, Carolina Darias, e tras dela o xa ex ministro Salvador Illa. (Foto: R. Rubio / Europa Press)

Tal e como apuntaban as previsións da maioría de analistas e líderes políticos, a canaria Carolina Darias abandona o ministerio de Política territorial para facerse cargo da carteira de Sanidade e asume a tarefa con "ilusión, responsabilidade e moita humildade", segundo publicou a través de Twitter.

O xa ex ministro, Salvador Illa, deixaba así nas mans da súa colega a responsabilidade de comparecer diante do Congreso, a próxima sexta feira, para dar conta da situación de crise sanitaria provocada pola Covid-19.

Unha cuestión que durante o último mes causou malestar, non só entre os grupos da oposición, senón tamén dentro da propia coalición de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos.

O executivo do Estado español leva semanas defendendo que esta remodelación supón un "axuste puntual" para solucionar cos mínimos cambios posíbeis a marcha de Illa.

Así, o presidente do Goberno de España pretende dar continuidade á xestión do catalán á fronte de Sanidade, xa que a ministra leva participando nas reunións do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde desde o mes de outubro, e está “plenamente implicada no proceso de vacinación".

A chegada de Darias a Sanidade supón o cuarto cambio neste ministerio desde que Sánchez chegou á Moncloa, en xuño de 2018. Na primeira lexislatura, en solitario, o cargo ocupouno Carmen Montón, que dimitiu aos tres meses por supostas irregularidades co seu traballo de fin de máster.

A súa substituta foi a médica María Luisa Carcedo, que exerceu até a conformación do novo Goberno de coalición, en xaneiro de hai un ano, cando Sánchez decidiu substituíla por Illa, para integrar o PSC no Consello de Ministros. 

A carteira de Política territorial e Función pública, que ostentaba Darias, pasa ao ex candidato do PSC á Generalitat, Miquel Iceta, polo seu xesto de “xenerosidade” ao renunciar á candidatura en favor de Salvador Illa. Desta maneira, o executivo de Sánchez senta base para unha nova relación coa Generalitat logo das eleccións do 14 de febreiro.

O Consello de Ministros analiza se muda o limiar do Ingreso Mínimo

Entre os asuntos tratados onte no Consello de Ministros do Estado, analizouse a posibilidade de modificar o limiar para optar ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), co que o Goberno do Estado quería chegar a 800.000 fogares pero, até o momento, só se viron beneficiados 200.000. 


No apartado de resolucións, o Ministerio de Traballo, aprovou prorrogar até o 31 de maio o acceso ás prestacións por desemprego das persoas profesionais da cultura, e tamén o "Plan Me Cuida" destinado a flexibilizar a xornada laboral daquelas persoas que se vexan cunha persoa dependente ao seu cargo.

Tamén se aprobou a proposta para declarar Parque Nacional a Serra das Neves, en Málaga, o que suporá a protección de masas de abeto pinsapo (Abies pinsapo) e afloramentos rochosos de peridotitas.

comentarios