Carlos III, proclamado novo monarca mentres agroma un republicanismo aínda minoritario no Reino Unido
Charles Philip Arthur George foi proclamado na mañá deste sábado novo rei do Reino Unido, un cargo que ostentará baixo o nome de Carlos III tras o pasamento da súa nai, Isabel II, na pasada quinta feira.
Dado que era o primeiro na liña sucesoria da Coroa británica, non había lugar a sorpresas este sábado, se ben a proclamación non tornou en anuncio oficial até que así o decidiron os membros do chamado Consello de Acceso.
Este órgano con máis de 300 anos de historia está integrado por relevantes figuras sociais e políticas do país e representantes das 14 nacións que conforman a Commonwealth.
En primeiro lugar, a presidenta designada para este consello pola primeira ministra —Liz Truss—, Penny Mordaunt, oficializou a morte de Isabel II, e nun segundo acto, o secretario do Consello proclamou Carlos III novo rei.
"Sei canto vostedes, a nación enteira e diría que todo o mundo, simpatizan comigo nesta irreparábel perda que sufrimos", dixo o monarca, sobre a súa nai.
A oposición republicana suma apoios
Tal e como relata a prensa británica, o afecto que moitos e moitas cidadás do Reino Unido sentían cara a Isabel II contiña os sentimentos republicanos en boa parte do país, se ben agora poderían agromar após a fin do seu reinado, se ben se trata aínda de sectores minoritarios.
As últimas enquisas en Inglaterra dan un apoio maioritario á opción monárquica, de até 80% segundo algunhas empresas de sondaxe, se ben noutros territorios como Irlanda do Norte, onde os republicanos do Sinn Féin veñen de gañar as eleccións, ou Barbados, que o pasado ano tornou en república.
"A raíña é a monarquía para a maioría da xente e despois de que ela morra, a institución estará en perigo. Carlos poderá herdar o trono, mais non a deferencia e o respecto dela", sinalaba a comezos deste ano Graham Smith, director executivo da organización 'Republic'.
Este mesmo colectivo dixo, após coñecerse a noticia: "Non queremos outros 70 anos. É hora da república. Cómpre desmitificar a monarquía e impulsar o debate sobre un modelo constitucional alternativo".