O candidato pro Unión Europea, Nicusor Dan, imponse na segunda volta das eleccións presidenciais de Romanía
O ultradereitista Simion rectifica tras proclamarse gañador e admite a súa derrota electoral.
O alcalde de Bucarest e candidato pro UE Nicusor Dan gañou a segunda volta das eleccións presidenciais decorridas este domingo en Romanía cun 53,67% de apoios, segundo resultados oficiais correspondentes a 99,96% do escrutinio.
Dan derrotou con 6.159.040 votos o ultradereitista George Simion (46,33%, 5.317.697 votos), candidato da Alianza para a Unión dos Romaneses (AUR), tal e como informou a Autoridade Electoral Permanente (AEP).
O presidente electo sinalou na súa conta da rede social X que "mañá [esta segunda feira] empezaremos a reconstrución de Romanía, unha única Romanía, non dúas", ao tempo que prometeu un país "honesto, baseado no respecto á lei e a todas as persoas". "É a vosa vitoria, a dos que crestes no cambio correcto para Romanía, que fixestes campaña, falando en redes sociais, que non temestes a onda de odio", declarou en agradecemento aos seus militantes, simpatizantes e votantes.
Así, Dan referiuse aos máis de seis millóns de romaneses que lle deron o seu voto como "unha comunidade que quere reducir a corrupción e unha contorna económica próspera para os romaneses", "que quere unha sociedade de diálogo e non unha sociedade de odio". "Demostraron a forza impresionante da sociedade romanesa, moi por encima do nivel do debate neste país", apuntou desde o Parque Cismigiu de Bucarest.
Desde alí dirixiuse tamén aos votantes de Simion: "Hai unha comunidade que perdeu as eleccións, que está lexitimamente indignada por como se organizou a política en Romanía até o de agora e que cre que a solución é a revolución". "A nosa obriga é convencer a estas persoas de que a solución é a reforma da xustiza e da administración para que Romanía poida avanzar", argumentou.
Rectificación de Simion
O candidato ultradereitista George Simion recoñeceu a súa derrota e sinalou que Dan "gañou cun millón de votos máis" a través dunha publicación en X. Horas antes, despois de que se coñecesen as sondaxes a pé de urna, Simion asegurara unha "clara vitoria" con máis de 400.000 votos de vantaxe sobre Dan. "Non podemos acusar unha manipulación significativa das papeletas", engadiu, negando que unha fraude electoral decidise os comicios.
"Foi unha honra para min representar o noso movemento", subliñou Simion. "Perdemos esta batalla, pero non perdemos e nunca perderemos a nosa guerra", insistiu, alegando tamén que seguirá "loitando xunto a todos os soberanistas, patriotas e conservadores do mundo pola liberdade, por Deus, pola familia e polas nosas ideas comúns".
Na primeira volta Simion foi o candidato máis votado con 40% dos votos, mentres que Dan obtivo case un 21%. Na votación definitiva Dan beneficiouse do apoio dos simpatizantes dos partidos oficialistas, en horas baixas.
Estas eleccións son a repetición das que en novembro gañou Calin Georgescu, aliado de Simion, uns comicios anulados polos tribunais romaneses por inxerencia estranxeira.

