A borrasca 'Kristin' deixa polo menos cinco mortes en Portugal e miles de incidencias
Mentres na Galiza a borrasca Kristin activaba este 28 de xaneiro até nove avisos meteorolóxicos por vento e neve -e coa previsión de novas frontes entrando-, é en Portugal onde o temporal se está a facer sentir con maior intensidade, provocando polo menos cinco mortes, decenas de persoas desprazadas e máis de 4.000 incidentes. Este sistema de baixas presións entrou a primeira hora desta terza feira polo norte de Portugal, o que levou ás autoridades a activar unha alerta vermella por risco elevado, especialmente no distrito de Leiria, onde se rexistraron catro dos falecementos.
Os sinistros estiveron causados principalmente por accidentes de tráfico e derrubamentos de infraestruturas. Só en Leiria contabilizáronse tamén unha ducia de persoas feridas e arredor de 50 desprazadas. A gravidade da situación levou ao alcalde de Figueiró dos Vinhos, no mesmo distrito, a solicitar a declaración do estado de calamidade, advertindo de que o municipio está a vivir “un dos peores momentos da súa historia”.
Os fortes ventos provocaron ademais numerosas incidencias: fallos nos subministros eléctrico e de auga, danos en infraestruturas, árbores caídas, autoestradas cortadas e vehículos destruídos. As autoridades portuguesas recoñecen que serán necesarios varios días para devolver á normalidade as zonas máis afectadas.
Segundo a Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil (ANEPC), só entre as 00:00 e as 08:00 deste 29 de xaneiro rexistráronse 192 ocorrencias, incluídas 79 caídas de árbores, 62 inundacións en autoestradas e 28 derrubamentos.
⚠️ Depressão #KRISTIN
— Autoridade Nacional de Emergência e Proteção Civil (@ProteccaoCivil) January 28, 2026
O PR Marcelo Rebelo de Sousa visitou esta noite (28/01) a sede da @ProteccaoCivil para acompanhar os efeitos da depressão #Kristin.
No final, deixou uma palavra de reconhecimento e incentivo aos operacionais, destacando a eficácia da resposta da ANEPC. pic.twitter.com/2EiO2hCzro
A xornada do día 28 estivo marcada tamén pola incerteza e o illamento, con perto dun millón de clientes da empresa E-Redes sen electricidade debido a fallos na rede. Ás 18:00 horas, aínda permanecían sen subministración eléctrica 485.000 fogares.
Aínda que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) asegurou que o peor do temporal xa pasou e que Kristin se afasta progresivamente do continente, advertiu da necesidade de manter a precaución ante a previsión de novos episodios de choiva intensa e vento nos vindeiros días.
[EN AMPLIACIÓN]
