Bolsonaro axita a bandeira da fraude electoral ante a suba de Lula nas enquisas

Manifestación a favor de Bolsonaro, o pasado domingo en Rio de Janeiro (Foto: Silvia Machado / TheNEWS2)
Donald Trump marcou a marcha nos EUA, Fujimori seguiuna a paso lixeiro no Perú, e o capitán Bolsonaro apúntase ao desfile agora no Brasil, alentando os seus seguidores –aos que chama "Exército"– a se manifestaren nas rúas para denunciar a xestación dunha suposta fraude electoral de cara ás presidenciais de 2022. "Sem eleições democráticas, não haverá eleições", asegura.

"Não vou aceitar intimidações" por parte do Tribunal Superior Eleitoral (TSE). "Vou continuar exercendo meu direito de cidadão, de liberdade de expressão, de criticar, de ouvir, e atender, acima de tudo, a vontade popular", manifestaba nas últimas horas o presidente do Brasil, Jair Bolsonaro. Declaracións que, paradoxalmente, chegan menos dunha semana despois de o Brasil atinxir en 2020 a súa peor puntuación no Ranking Global de Liberdade de Expresión elaborado anualmente pola ONG Artigo 19 (86º posto).

Falta de transparencia, ataques a xornalistas, diseminación de noticias falsas e trabas no acceso á información pública por parte do Goberno brasileiro ─tendencia acentuada durante a pandemia─ explican esta clasificación para Artigo 19. En total, cuantificou en 1.682 as declaracións falsas ou enganosas de Bolsonaro en 2020.

Mais onde nace o enfrontamento institucional entre o presidente e o TSE? Bolsonaro leva tempo insistindo en dúas hipóteses: unha, que se está a xestar unha fraude electoral na súa contra de cara ás próximas presidenciais, previstas para outubro de 2022; e dúas, que en 2018 puido gañar na primeira volta dos comicios de non ser por unha serie de irregularidades. En concreto, deita dúbidas sobre o sistema de voto electrónico existente no Brasil.

Voto electrónico

O presidente brasileiro é o enésimo mandatario en axitar a bandeira da fraude electoral tras o facer, entre outros, Donald Tump nos EUA ou Keiko Fujiori no Perú. Bolsonaro intensificou a campaña desde a rehabilitación dos dereitos políticos do expresidente Luiz Inácio Lula da Silva, que non deixa de medrar nas enquisas. De acordo coa última de Datafolha, o hipotético candidato do Partido dos Trabalhadores (PT, socialdemócrata) vencería en primeira volta con 58% dos votos, fronte a 31% do ultradereitista.

Antes as continuas acusacións sen probas (prometera mostralas na pasada quinta feira durante un live de Facebook, mais finalmente recuou e recoñeceu que non hai "como se comprovar que as eleições não foram ou foram fraudadas"), o TSE decidiu na segunda feira pedir ao Supremo Tribunal Federal (STF) investigar os "relatos e declarações sem comprovação de fraudes no sistema eletrônico de votação com potenciais ataques à democracia".

Un día antes, o domingo, miles de persoas manifestáranse en São Paulo, Rio de Janeiro, Brasília e outras cidades do país en apoio a Bolsonaro e ás súas denuncias; e á reivindicación de que se imprima un xustificante do voto para que se poidan recontar de forma física.

E un día despois, na terza feira, Bolsonaro reaccionou coa apelación á "liberdade de expressão" e a advertencia de que non se deixará "intimidar". Neste sentido, o principal portal de noticias do Brasil, UOL, advertía esta 4 de agosto nun editorial que a investigación aberta podería levar á inelexibilidade do actual presidente brasileiro nas eleccións de 2022 en caso de condena por delitos como fraude, conduta prohibida, propaganda improvisada ou abuso de poder político e económico.

O presidente do STF, Luiz Fux, e outros maxistrados avogan por un entendemento con Bolsonaro. Mais a maioría considera que a súa intención é crear un ambiente de incerteza e de sospeita de cara ás eleccións a medida que cae nas enquisas fronte a Lula.

A respecto das manifestacións do domingo, Bolsonaro dixo sentirse "orgulhoso" nun vídeo nas redes. "Sem eleições limpas e democráticas, não haverá eleições. Nós mais que exigimos juntos ─porque vocês são de fato o nosso Exército─ fazer com que a vontade popular seja expressada na contagem pública dos votos". 

Futuro de América Latina 

Esas alegorías militaristas son unha constante no discurso do capitán ─retirado─ Bolsonaro. Sobre esta e outras cuestións reflexiona o sociólogo brasileiro Emir Sader nun artigo publicado na fin de semana no dixital Brasil 247. Nel alerta ante a posibilidade de "algum novo tipo de golpe, como preconiza Bolsonaro", que impida a "vitória do Lula e o retorno da democracia no Brasil".

Para  Sader, o que aconteza nos comicios brasileiros definirá tamén o futuro de América Latina, tal e como o golpe de 1964 fixo proliferar ditaduras militares e a derrota de movementos de esquerda, "do qual o continente saiu, a duras penas, não sem deixar feridas, recentemente". Ou tal e como o impeachment en 2016 á expresidenta Dilma Roussef ─que Sader cualifica tamén de "golpe"─ "rompeu com a democracia no Brasil, promoveu a pior catástrofe que o país já viveu e apontou, ao mesmo tempo, para vias similares" na Arxentina ou en Bolivia.

"As eleições brasileiras definirão a que via o Brasil se somará. À da retomada da democratização ou a da consolidação do autoritarismo", reflexiona. 

Reunión cunha líder da ultradereita alemá

O presidente da CPI (Comissão Parlamentar de Inquérito) da Covid no Senado brasileiro, Omar Aziz criticou a reunión de Bolsonaro coa deputada alemá Beatrix von Storch, vicepresidenta do partido de ultradereita Alternativa por Alemaña (AfD). Storch, que en 2018 foi investigada por incitar o odio contra as persoas de confesión musulmá, ademais é neta de Lutz Graf Schwerin von Krosigk, ministro de Economía durante o nazismo.

"Não podemos permitir isso. Nazismo não. Nós somos solidários ao povo judeu que sofreu com o holocausto, e a todos aqueles valorosos membros do Exército Brasileiro que morreram na Segunda Guerra Mundial para salvar o mundo do nazifascismo", declarou Aziz, membro do Partido Social Democrático (centrodereita).

A cita non figuraba na axenda oficial de Bolsonaro. Este argumentou que Storch non pode ser discriminada polo pasado de seu avó.