Bolivia: ampla vitoria para Luís Arce, do MAS

Luis Arce, á esquerda da imaxe,, nun acto electoral

As primeiras proxeccións indican que obtería máis de 52% dos apoios, que evitaría a segunda volta.

As primeiras proxeccións nas eleccións presidenciais de Bolivia dan unha ampla vitoria ao  ex ministro Luís Arce, candidato do partido de Evo Morales, Movemento ao Socialismo (MAIS).

O cálculo publicado pola  TV Unitel daba a Arce máis dun 52%, moito máis do que auguraban as enquisas de intención de voto. Ao  ex presidente Carlos Mesa, outórgalle 32% .

En total, 7.301.294 bolivianas e bolivianos estaban chamados ás urnas para votar nunhas eleccións en que concorrían cinco candidaturas

A noticia chegou pasada a media noite, no medio dun lento escrutinio oficial, o que causou incerteza e tensión tras unha xornada que transcorrera con tranquilidade.

"Recuperamos a democracia e recuperamos a esperanza", dixo Arce, visibelmente emocionado. "Imos construír a unidade".

Evo Morales saúda "vitoria contundente"

O  ex presidente Evo Morales saudou desde o exilio a "vitoria contundente" do seu partido, o Movemento Ao Socialismo (MAS), nas eleccións en Bolivia.

"Irmás e irmáns: a vontade do pobo impúxose. Produciuse unha vitoria contundente do MAS. O noso movemento político terá a maioría nas dúas cámaras. Agora imos devolver a dignidade e a liberdade ao pobo.  Jallalla (Viva!) Bolivia", escribiu en Twitter.

O  ex gobernante indíxena emitiu a mensaxe desde o seu exilio en Arxentina, logo de que dúas enquisas a pé de urna e cálculo rápido proxectasen unha vitoria en primeira volta do candidato Luís Arce, con polo menos 52% dos votos válidos.