Bolivia comeza a votar no medio dos primeiros incidentes

As eleccións para elixir presidente desenvólvense despois das violentas protesta de hai un ano e do movemento do Exército para forzar a saída de Evo Morales do cargo.

EuropaPress_3374685_14_october_2020_bolivia_alto_people_attend_rally_of_luis_arce_presidential
photo_camera Feche de campaña en El Alto, a pasada cuarta feira, do candidato do MAS, Luis Arce (Nestor Alexis Gomez / dpa)

As eleccións para elixir un novo presidente en Bolivia comezaron este domingo ás 8 horas locais (14 horas na Galiza), momento en que se abriron as mesas electorais en todo o país suramericano no medio dun despregue militar, denuncias de irregularidades e cunha gran tensión políticas por mor do golpe de Estado do ano pasado.

Entre os primeiros incidentes da xornada, o presidente do Tribunal Supremo Electoral, Salvador Romeu, confirmou o roubo de oito maletas electorais en Caranavi, das que, non obstante, dixo que están en resgardo e os sospeitosos, detidos.

A diferenza doutros comicios, nesta ocasión abríronse máis recintos electorais e ampliouse unha hora o tempo de votación (serán nove horas) para evitar aglomeracións pola pandemia da Covid-19, dispoñendo ademais que a xente asista a depositar o seu sufraxio en dúas quendas, segundo a terminación dos seus documentos de identidade.

En total, 7.301.294 bolivianas e bolivianos están chamados ás urnas para votar nunhas eleccións en que concorren cinco candidaturas, entre estas as do ex ministro Luis Arce, do Movemento ao Socialismo (MAS) e o ex presidente Carlos Mesa, da alianza Comunidade Cidadá, os dous favoritos.

Xesto de forza

A autoproclamada presidenta en funcións de Bolivia, Jeanine Áñez, asegurou que os comicios presidenciais que comezaron este domingo serán "libres, transparentes e sen presión", segundo fixo saber no discurso inaugural dos comicios.

"As nosas Forzas Armadas e a Policía Nacional garanten a seguridade das eleccións. Están na rúa a favor do pobo, a diferenza doutras veces", declarou, nun xesto que a oposición cualificou de intimidatorio. "As Forzas Armadas", engadiu, "traballan para o pobo, non para un partido político, e imos ter eleccións libres, transparentes, sen presión", declarou.

Ademais, horas antes das eleccións, o Tribunal Supremo Electoral (TSE) decidiu non utilizar o método de contabilización rápida de votos ao "non poder garantir o funcionamento óptimo" do mesmo. Áñez limitouse neste sentido a tomar nota da decisión. "Eu creo que o TSE fixo unha valoración do que podía suceder e eles decidírono así para emitir resultados oficiais e non ter problemas despois", comentou.

Comentarios