O Bloque Quebequés deixa atrás dez anos de deserto

A derrota pola mínima no referendo de independencia de 1995 levou a sociedade do Quebec a un proceso de progresivo desapego ás forzas soberanistas. A chegada de Yves-François Blanchet ao liderado do Bloc Québécois fixo mudar a tendencia, cun gran resultado en 2019 ratificado nas eleccións lexislativas desta semana.
EuropaPress_3921782_08_september_2021_canada_gatineau_bloc_quebecois_leader_yves-francois
photo_camera Blanchet, líder do Bloc Québécois, durante un dos debates electorais (Foto: Fred Chartrand / The Canadian Press)

Nas eleccións de 2008 facíase con 49 deputados. Tres anos despois, sumaba 4 e o seu histórico líder, Gilles Duceppe, presentaba a dimisión. Agora, tras unha década de travesía polo deserto, o soberanista Bloque Quebequés (BQ) volve levantar cabeza da man de Yves-François Blanchet: en 2019 fíxose con 32 escanos no Parlamento canadense e nas eleccións anticipadas da segunda feira subiu a 34.

O Partido Liberal (PLC, social liberal) foi o gañador das lexislativas desenvolvidas na segunda feira, 20 de setembro; mais asemade o perdedor político foi o seu líder, Justin Trudeau. O tamén primeiro ministro convocou estes comicios de forma anticipada, dous anos despois dos últimos, co fin de asegurarse unha maioría ampla no Parlamento que lle permitise gobernar en solitario.

Porén, con 158 escanos (3 máis que en 2019), os liberais ficaron lonxe da maioría de 170 na Cámara de 338 representantes. En segunda posición ficou o Partido Conservador, que logrou 119 (os mesmos que hai dous anos, de novo co maior número de votos). En terceira, o BQ, con 34 (2 máis que en 2019). En cuarta, o socialdemócrata Novo Partido Democrático (NPD, 25, por 24 de 2009). E na quinta, Os Verdes, que conserva os seus dous deputados. Desaparecen da Cámara os independentes.

"Todo isto para isto", resumía Blanchet na noite da segunda feira (madrugada galega de onte) , segundo recolleu Radio-Canada. O resultado, que deixa un panorama parlamentario case idéntico ao que xa había, puxo no punto de mira a Trudeau. A oposición criticou desde o primeiro momento a decisión de adiantar as eleccións, desenvolvidas no medio da cuarta vaga da pandemia da Covid-19, salientando que acabaron sendo os máis caros na historia do país: 600 millóns de dólares canadenses (400 millóns de euros).

Para o BQ, non obstante, serviron para afianzar a súa base electoral. Culmina unha década de remontada agonizante e sen recursos económicos despois de rozar a desaparición en 2011 varrido polo NPD. Mais o grande éxito do carismático Blanchet chegou xa en 2019, cando conseguiu colocar o BQ en segunda posición no Quebec. 

Entón, os seus 32 representantes no Parlamento canadense impediron lograr a maioría absoluta ao PLC, que nestes dous últimos anos viuse obrigado a negociar tanto cos nacionalistas como co NPD. Trudeau, alentado polas enquisas, buscou ceibarse dese 'lastre', mais tras un periplo electoral de 36 días ─unha das campañas máis curtas─ regresou ao punto de saída. "O que se viu esta noite é que millóns de canadenses elixiron un proxecto progresista", foi a análise do primeiro ministro.

Inglés vs. francés

A recuperación do voto quebequés por parte do BQ (socialdemócrata e ambientalista) susténtase en varios temas, coa confrontación con Ottawa como catalizador. "Bastou que o Canadá anglófono cualificase as leis do Quebec de 'racistas e xenófobas' para que a provincia e os seus votantes lembrasen o pouco que o resto do Canadá valora a nación quebequesa e a súa singularidade en Norteamérica", analizaba esta semana a publicación francesa LVSL.

En efecto. Durante o terceiro debate entre candidatos, Blanchet e o BQ foron acusados de racistas e de marxinalizar os falantes de inglés, os alófonos (cuxa lingua materna non é nin o francés nin o inglés) e as minorías relixiosas. O Quebec é francófono, mais cada vez o é menos, especialmente na súa maior cidade, Montreal, , onde a presión do inglés e doutras linguas é cada vez maior. 

O francés é a primeira lingua para arredor de tres cuartos da poboación e é un dos elementos identitarios máis importantes para o pobo quebequés. A falta de interese en Ottawa para fomentalo e protexelo a nivel federal é un dos motivos que xeran máis desapego na cidadanía francófona. O BQ quere competencias lingüísticas completas para o Quebec. Tamén sobre inmigración, co fin de que a que chegue sexa francófona.

Diversidade vs. laicismo

É esta, a xestión da multiculturalidade e da convivencia na praza pública, a cuestión que máis controversia xera entre o nacionalismo quebequés e o centralismo canadense. O 16 de xuño de 2019, inspirándose nas lexislación francesa, a Asemblea Nacional do Quebec aprobou a Lei sobre laicidade do Estado ou "Lei 21", que prohibe o uso de símbolos relixiosos aos funcionarios e aos mestres da escola pública.

Tanto o BQ, como o Partido Quebequés do primeiro ministro do país, François Legault, defenden a norma. Tamén, segundo as enquisas, arredor de dous terzos da poboación quebequesa. Porén, é fortemente contestada no Canadá anglófono xa que a consideran especialmente discriminatoria coa cidadanía de confesión musulmá. Nun país que en 1971, da man do ex primeiro ministro Pierre Eliott Trudeau ─pai de Justin─, se converteu no primeiro do mundo en aprobar unha lei de multiculturalismo.

A independencia, un tema tabú na campaña

Os temas identitario e ambiental centraron os discursos de campaña do Bloque Quebequés, tal e como se aprobou no congreso que a formación política organizou o pasado 22 de agosto de cara a estes comicios. Porén, no programa electoral non aparece ningunha referencia á "independencia". O obxectivo non era desvincularse do soberanismo, mais si evitar que ocupase un lugar preeminente nun momento en que ese sentimento tampouco o ocupa entre a poboación. "A época en que a política se decidía medindo a independencia con un independentómetro [dentro do partido], para min acabou por completo", explicou Blanchet a 'Le Journal de Montréal'. A derrota do 'Si' no referendo independentista de 1995 ─por tan só uns miles de votos─ derivou nun declive do soberanismo quebequés que tocou fondo en 2011.

Comentarios