Sánchez rexeita elevar o gasto militar até 5% na OTAN e pide que sexa "opcional"

"Non é razoábel e sería contraproducente", advirte o xefe do Executivo español.
Pedro Sánchez, o 29 de abril no Palacio da Moncloa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
Pedro Sánchez, o 29 de abril no Palacio da Moncloa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

Unha misiva do presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), dirixida a quinta feira ao secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Mark Rutte, impediu a aprobación da declaración final da cimeira da alianza militar controlada polos Estados Unidos que se desenvolverá na Haia (Países Baixos), o 24 e 25 deste mes, e que incluía a suba do gasto militar de cada membro da entidade a 5% do seu produto interior bruto (PIB) até 2035.

A proposta de Rutte, remitida a cuarta feira, ficaría validada de forma automática a sexta se ningún dos estados membros se posicionaba en contra, o que fixo Sánchez, que remarcou na carta que debería haber unha “fórmula máis flexíbel” que permita que o “obxectivo de gasto” sexa “opcional” ou que “exclúa España da aplicación” desta porcentaxe.

O mandatario indicou que ese nivel obrigaría a recortar servizos públicos ou relaxar a adaptación ao cambio climático, subliñando que demandar 5% “non é razoábel e sería contraproducente”, polo que “eliximos non facelo”.

Tamén transmitiu a preocupación sobre que unha suba acelerada do gasto militar implicaría dedicar boa parte dos recursos a compras de armamento e material militar de fóra do bloque, en alusión ao principal importador deste ámbito para os membros europeos da OTAN, os Estados Unidos. Asemade, fontes gobernamentais aseveraron que hai un grupo de países dentro da alianza militar que tamén rexeita o obxectivo.

En todo caso, Sánchez subliñou que o Estado español está “totalmente comprometido” coa OTAN, como amosa a presenza de bombardeiros e avións cisternas estadounidenses nas bases que comparten cos militares españois en Rota e Morón, cuxa presenza ratificou o Ministerio de Defensa, que defendeu que a despregadura, no medio da posíbel entrada de Washington na guerra que desatou Israel contra Irán, cumpre cos tratados, mais matiza que Madrid aposta por unha desescalada en Asia Occidental.

O 5% é unha porcentaxe marcada polos Estados Unidos para combater unha suposta ameaza rusa no futuro, algo repetido por Rutte para exixir recortes de gasto social se é necesario para lograla.

A ameaza rusa, unha "parvada" para Putin

Eses supostos plans rusos de atacar a OTAN foron cualificados a quinta feira por Vladimir Putin, presidente de Rusia, como “parvadas”, lembrando que o gasto militar da OTAN xa é o máis alto do mundo, e incidiu en que son “autosuficientes”, polo que “non consideramos o rearme da OTAN unha ameaza”. 

Comentarios