Banksy bate conciencias desde Gaza

O artista urbano viaxou até a Faixa para lembrar o xenocidio que se continúa a cometer contra a poboación após asasinar Israel máis de 2 mil persoas etre xullo e agosto de 2014. VÍDEO NO INTERIOR.

Graffittis de Bansky en Gaza
photo_camera Graffittis de Banksy en Gaza [banksy.co.uk]

Cesaron os bombardeos e a Faixa de Gaza deixou de ser noticia. Esa equidistancia que mantén a comunidade internacional a respeito do que acontece co pobo palestiniano motivou a viaxe do artista urbano Banksy. Através dos túneis que conectan a fronteira de Exipto co territorio gazatí o graffiteiro visitou Gaza. E fíxoo sorteando os checkpoints israelitas. En segredo e armado con botes de pintura e unha cámara. 

A súa viaxe tivo por obxecto focar a atención na situación que atinxe a poboación da Faixa. “Gaza é descrito a miúdo como 'o maior cárcere ao ar libre do mundo'”, sinala Banksy no seu portal web. Porén, acrecenta, “iso semella un pouco inxusto coas prisións” onde “non teñen a auga potábel e a electricidade cortadas ao chou case todos os días”. 

Con retranca mais cun ton acedo o artista urbano –de quen se descoñece a identidade-- difundíu através das redes sociais non só as imaxes dos seus graffittis senón tamén un vídeo. En apenas 1:55 minutos presenta 'un novo destino', afastado de lugares turísticos e ao que se accede por “unha rede de túneis ilegais”, di. Do outro lado, un pobo destruído polos bombardeos israelitas. Sitiado polo exército de Israel e sen acceso a bens e servizos fundamentais como a auga corrente, suministros médicos, material escolar, comida, luz ou medicamentos.  

Escasea mesmo o cemento, como salienta Banksy no vídeo difundido através de Youtube. Segundo as Nacións Unidas no ataque do pasado ano, 'Bordo protector', foron destruídas aproximadamente 100 mil vivendas o que deixou a máis de 600 mil persoas sen acubillo. A entrada de material de construción procedente da UNWRA depende da autorización gobernamental de Israel polo que constitúe un goteo. Aliás, as autoridades palestinianas están a priorizar a recuperación e levantamento das infraestruturas públicas, principalmente hospitais –nos bombardeos de xullo e agosto foron destruídos 36 hospitais e centros médicos, segundo o Ministerio de Sanidade palestiniano. 

Perante esta realidade Banksy quixo “resaltar a destrución en Gaza mediante a publicación das fotos no meu sitio web”, afirma que lle explicou a “un home da localidade que se me achegou”. Cando o gazatí preguntou ao artista inglés que significaba o gato con lazo rosa debuxado entre edificios destruídos o gafitteiro contestou. “En Internet a xente só olla fotos de gatiños”. 

Comentarios