Hamas e Al-Fatah acordan un goberno de unidade para Gaza e Cisxordania

As delegacións palestinas reunidas no Cairo asinaron un acordo para conformar un goberno de unidade en Palestina e un programa político conxunto. 

Representantes de Al-Fatah e Hamas acordaron na quinta feira (25 de setembro) constituír un goberno de unidade nacional na Faixa de Gaza e Cisxordania. Este feito supón a unificación das institucións de seguridade e civís así como o control de todos os pasos fronteirizos por parte da Autoridade Nacional Palestina (ANP), mesmo, os da Faixa de Gaza. 

Aliás, unha delegación deste goberno de asociación, supervisará os traballos de reconstrución das cidades gazatís destruídas polo exército israelí durante a ofensiva iniciada o 11 de xullo deste ano e que causou máis de 2 mil mort@s. 

"É un paso para que os donantes internacionais confíen nos esforzos da Autoridade Nacional Palestina para reconstruír Gaza", sinalou en declaracións recollidas pola axencia de noticias EFE o xefe da delegación de Hamas no Cairo, Musa Abu Marzuk. 

Así mesmo, o acordo contempla unha actuación unitaria no plano internacional, nomeadamente, na adhesión de Palestina ás institucións das Nacións Unidas após ser recoñecida como Estado observador. 

Cumpre lembrar que a constitución dun goberno de unidade nacional palestina motivou as agresións lanzadas polo goberno israelita contra a Faixa de Gaza este verán. A integración de Hamas na Organización para a Liberación de Palestina (OLP) e a súa entrada no goberno de Cisxordania --Hamas goberna en Gaza desde 2006-- acenderon as alertas de Israel que teima en dividir as formacións políticas palestinas e empregar o movemento islámico como excusa para agredir a poboación palestina. 

Hamas é considerada unha "organización terrorista" polos EUA e a Unión Europea. 

Comentarios