Ascenden as mortes no Irán pola guerra emprendida polos Estados Unidos e Israel: máis de 1.500 vítimas, 200 delas menores de idade
Algunhas estimacións elevan o cómputo de persoas falecidas a 3.200.
O balance de persoas falecidas pola agresión lanzada o 28 de febreiro polos Estados Unidos e Israel contra Irán aumentou a máis de 1.560, unha cifra que inclúe uns 208 rapaces e rapazas menores de idade, segundo confirmou esta terza feira o xefe da organización de Emerxencias do país persa, Yafar Miadfar.
“Desde o inicio da guerra até hoxe hai 1.563 falecidos”, informou Miadfar, especificando que 208 son crianzas, entre elas 168 estudantes da escola feminina de Minab. Aliás, afirmou que trece das vítimas mortais tiñan menos de cinco anos, incluíndo un bebé de tres días.
A ONG Human Rights Activists in Iran, pola súa parte, aumenta os falecidos a arredor de 3.200, sinalando que os ataques deixaron até a data máis de 1.440 civís mortos, aos que se sumarían uns 1.160 militares e perto de 660 persoas cuxa identidade non foi determinada polo momento.
Entre os mortos figuran o aiatolá Alí Khamendi; o secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional, Alí Lariyani; os ministros de Defensa e de Intelixencia, Aziz Nasirzadé e Esmaeil Jatib, respectivamente, e varios altos cargos das Forzas Armadas e doutros organismos de seguridade.
O pasado 9 de marzo o viceministro da Saúde iraniano, Ali Jafarian, sinalou que 12.000 persoas resultaron feridas, principalmente por queimaduras, unha cifra que podería ser superior.
Ante esta situación, o ministro de Exteriores do Irán, Abbas Araqchi, solicitou este domingo nunha carta ao Consello de Seguridade da ONU e ao secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, a colaboración de todos os Estados para “pór fin” ás “graves” violacións do Dereito Internacional dos Estados Unidos e Israel contra o país.
