Atopadas con vida as catro crianzas desaparecidas hai 40 días na selva de Colombia

O presidente colombiano, Gustavo Petro, confirmou a noticia.

Imaxe do momento no que os militares colombianos e as persoas indíxenas atopan as crianzas na selva. (Foto: Gustavo Petro)
photo_camera Imaxe do momento no que os militares colombianos e as persoas indíxenas atopan as crianzas na selva. (Foto: Gustavo Petro)

O presidente de Colombia, Gustavo Petro, confirmou o achado con vida das catro crianzas desaparecidas na selva o pasado 1 de maio despois de que a avioneta na que viaxaban con tres adultos sufrira un accidente que acabou coa vida do piloto e os dous acompañantes maiores de idade.

Petro celebrou a nova na súa conta de Twitter: “Unha alegría para todo o país! Apareceron con vida as catro crianzas que estaban perdidas desde hai 40 días na selva Colombiana”.

“As comunidades indíxenas que estiveron na busca e as Forzas Militares conxuntamente atoparon as crianzas, 40 días despois. Estaban soas. Elas mesmas lograron un exemplo de supervivencia total que quedará na historia. Esas crianzas son hoxe as crianzas da Paz”, explicou o mandatario colombiano nunha rolda de prensa que publicou a Presidencia de Colombia na súa conta da rede social Twitter ao chegar ao seu país após a visita a Cuba para acordar o alto o fogo co ELN.

Tamén engadiu que “se verificará o estado de saúde das catro crianzas” e que van atender “o consello do persoal médico”, xa que o seu estado de saúde debe ter “quebrantos” por estar tanto tempo na selva sen unha boa alimentación.

O ministro de Defensa Nacional de Colombia, Iván Velásquez Gómez, anunciou que os e as menores “foron estabilizados polo equipo médico de combate e serán trasladados o día de mañá ao hospital militar”.

Xunto a estas crianzas non se atopou o can de rescate, Wilson, que foi chave para o achado, polo que a xente xe se implicou nas redes sociais para pedir ao presidente que continúe a busca.

Un fallo no motor

As crianzas (de 13, nove, catro e un ano) viaxaban coa súa nai e outro acompañante nunha pequena aeronave que sufriu un accidente cando sobrevoaba o departamento de Caquetá, nunha zona selvática. As autoridades atoparon unhas semanas despois os corpos dos tres adultos, pero atoparon indicios de que as crianzas seguían con vida.

As vítimas foron identificadas como Magdalena Mucutuy Valencia, nai das crianzas; Hermán Mendoza Hernández, líder indíxena; e Hernando Murcia Morales, piloto da nave.

A busca das crianzas converteuse nunha prioridade de Estado e contou coa participación de integrantes do Exército e de comunidades indíxenas para facer posíbel o seu rescate, sendo unha alianza que ao final lle deu unha noticia alegre ao país.

Segundo as investigacións, recollidas pola emisora Caracol Radio, o piloto avisou por radio dun fallo no motor da avioneta, e pouco despois aterraría sobre as copas das árbores, caendo a aeronave ao chan con violencia e quedando semienterrada de maneira vertical no solo.

Comentarios