Bruxelas demanda AstraZeneca polos atrasos na entrega das vacinas

A Comisión Europea considera que a farmacéutica está a incumprir os prazos de entrega que se pactaran de cara á distribución do fármaco contra a Covid-19 en todos os estados membros.
Imaxe dunha vacina de AstraZeneca. (Foto: Matthias Bein / dpa-Zentralbild / dp)
photo_camera Imaxe dunha vacina de AstraZeneca. (Foto: Matthias Bein / dpa-Zentralbild / dp)

A Unión Europea vén de presentar unha demanda contra a farmacéutica AstraZeneca polos incumprimentos no pacto de tempos para a entrega da vacina contra a Covid-19. Segundo a Comisión Europea, a empresa non segue a pauta de entrega das doses aos países da unión nos prazos nos que se falara.

“A Comisión Europea iniciou na sexta feira accións legais sobre a base de incumprimentos do acordo anticipado de compra”, concretou o voceiro de Saúde do Goberno comunitario, Stefan de Keersmaecker.

A polémica coa farmacéutica semella non rematar nin cando se incide en que é máis recomendábel recibir o fármaco contra o coronavirus que non facelo, dado que segundo as autoridades sanitarias o risco a padecer tromboses é mínimo comparado cos beneficios sociais. Para explicar o novo choque entre a compañía e a Administración pública, o representante da UE incidiu en que Bruxelas actúa “en nome dos 27 Estados membros”.

"Non se respectaron algúns termos do contrato e a empresa non achegou unha estratexia fiábel para garantir unha distribución oportuna das doses", indicou Keersmaecker.

Por iso, aliás de falar por todos os países que están “totalmente en liña” coa decisión de recorrer á vía da demanda, Bruxelas é parte interesada nese proceso contra AstraZeneca “no seu propio nome” como entidade individual.

Hoxe trasladouse que, para o Executivo comunitario, o máis importante no marco deste procedemento é conseguir que o laboratorio anglo-sueco distribúa "rápido" aos países da Unión Europea as doses prometidas en virtude do contrato entre ambas as partes.

Non hai que esquecer que cando mellor sexa o ritmo de reparto, maior poderá ser tamén a inoculación á cidadanía e, polo tanto, avanzarase cara unha inmunidade de grupo.

Comentarios