Portugal

A Assembleia portuguesa decide se outorga a confianza a Montenegro

BE e PCP defenden mocións de rexeitamento.
Luís Montenegro, primeiro ministro luso, na Assembleia da República. (Foto: Europa Press / Contacto / Alvaro Isidoro / Global Ima)
photo_camera Luís Montenegro, primeiro ministro luso, na Assembleia da República. (Foto: Europa Press / Contacto / Alvaro Isidoro / Global Ima)

Todo indica que o conservador Luís Montenegro (Partido Social Democrata, PSD), designado como primeiro ministro tras as eleccións de marzo en Portugal, conseguirá a sexta feira a confianza da Assembleia da República ao seu programa de Goberno, o que lle permitiría asumir todas as funcións que a Constitución portuguesa brinda ao primeiro ministro.

Para logralo, terían que fracasar as dúas mocións de rexeitamento, a presentada polo Bloco de Esquerda (BE) e polo Partido Comunista (PCP), que se votarán ao longo da segunda xornada da sesión dedicada a abordar o programa, algo que semella seguro despois de que o Partido Socialista (PS) confirmara que se absterá.

A quinta feira, na primeira xornada, Montenegro destacou que reducirá os impostos sobre a renda para as persoas que gañen até 81.199 euros anuais, mentres que o PS cuestionou a “arrogancia” do primeiro ministro na presentación, retándoo a que presente unha moción de confianza.
Pola súa parte, o BE fixo fincapé en que “o programa non é para todos, todos, todos. É para moi poucos”, e o PCP criticou o apartado fiscal detallando que a prioridade do novo Executivo é baixar os impostos “ás grandes empresas”.

Comentarios