Xa ascenden a 877 as vítimas mortais que deixou o furacán Matthew ao seu paso por Haití na pasada terza feira. A cifra dobra as 400 mortes das que informaba o Goberno haitiano na mañá da sexta feira e todo apunta a que seguirá a aumentar, xa que os equipos de emerxencia continúan tratando de chegar ás zonas máis devastadas.
A meirande parte das mortes producíronse en Les Cayes, Dame Marie e Jeremie, na zona sur dun país que tiña convocadas para este domingo as eleccións xerais, uns comicios que foron aprazados após o paso do furacán.
Haití aínda non superara as consecuencias do terremoto de 2010, que deixara arredor de 300.000 persoas falecidas, unha cantidade semellante de feridas e millón e medio de damnificadas, cando irrompeu con forza Matthew. O presidente interino do país, Jocelerme Privert, sinala que a situación no sur é catastrófica e apela á axuda internacional.
Axuda internacional
A primeira axuda internacional chegou a Haití da man de Cuba, que enviou unha brigada médica especializada en desastres e graves epidemias da que forman parte 38 profesionais. Aliás, Francia enviou persoal militar e 32 toneladas de axuda, e os EUA enviaron persoal militar e civil. A UE xa anunciou 1,5 millóns de axuda adicional.
O paso de Matthew deixou, cando menos, catro mortos ao seu paso por Florida, segundo informa a CNN.